Antón Puga, primeiro premio de innovación e emprendemento na categoría de mellor Tese en Enxeñaría

A Universidade de Vigo outorga este recoñecemento á innovación co obxectivo de dar visibilidade ás contribucións das liñas de investigación en materia de emprendemento e innovación impulsadas polos estudantes de Grao e master, e polos investigadores de doutoramento.

O investigador do grupo Bioenxeñería e Procesos Sostibles (BIOSUV) de CINTECX, Antón Puga, foi galardoado co primeiro “Premio Traballo Fin de Estudos Emprendemento” pola súa destacada investigación sobre combinación de tecnoloxías avanzadas para o tratamento de micro-contaminantes, no marco das axudas da Universidade de Vigo.

Este premio recoñece a investigación de Tese de Antón Puga na área de coñecemento de Enxeñaría e de Arquitectura. O traballo de Puga destaca a importancia do tratamento de micro-contaminantes a través da combinación de tecnoloxías avanzadas de oxidación e adsorción selectiva, un tema de crecente relevancia no ámbito medioambiental.

Puga defendeu a súa tese «Combination of advanced oxidation technologies and selective adsorption for the treatment of micro-contaminants» o pasado mes de febreiro nas instalacións de CINTECX.
Recentemente publicouse a resolución favorable desta axuda, cuxo obxectivo é dar visibilidade ás contribucións das liñas de investigación en materia de emprendemento e innovación impulsadas polos estudantes, a través do desenvolvemento dos seus Traballos de Fin de Estudo (Grao e Máster) e Teses de Doutoramento.

Este traballo encádrase no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Química da Universidade de Vigo e foi dirixido pola directora de CINTECX, María Ángeles Sanromán Braga, e polo investigador do grupo BIOSUV, Emilio Rosales Villanueva.