Nunha reivindicación da figura dos grandes precursores da transferencia de tecnoloxía en Galicia como referentes necesarios para as e os investigadores e as e os emprendedores, centrou o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) o seu discurso co gallo da entrega do Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2019. Juan Lema e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, presidiron a entrega dos galardóns que nas categorías Fernando Calvet Prats e Ricardo Bescansa Martínez que recaeron este ano no grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo e na spin-off Alén Space, respectivamente. Pola súa banda, o grupo Photonics4life da USC recibiu o premio Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, mentres que a xornalista de El País Silvia Rodríguez Pontevedra, foi galardoada co Premio Galicia de Xornalismo Científico pola reportaxe Las congeladoras toman el timón en la carrera científica por la cría del pulpo.
Na quinta edición do premios á que asistiron en representación das universidades galegas, a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez; o reitor da USC, Antonio López e o reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da GAIN subliñou que a transferencia de coñecemento e a comunicación da ciencia son dúas pezas clave no impacto social da ciencia e da tecnoloxía, na medida en que contribúen a que as actividades de I+D+i non se limiten á obtención de beneficios económicos e de excelencia científico-tecnolóxica, senón que avancen no benestar social e na sustentabilidade do planeta, en liña cun concepto que rexe actualmente as políticas de innovación a nivel europeo, a investigación e a innovación responsable.