Cintecx e as facultades de Comunicación e de Comercio, novos centros que lucirán o Distintivo de Igualdade

A UVigo foi en 2021 a primeira universidade de España en poñer en marcha un selo deste tipo

DUVI 19/03/2024. A posta en marcha en 2021 do Distintivo de Igualdade convertía a Universidade de Vigo na primeira de todo o Estado español en contar cun selo deste tipo. Agora, co fallo da cuarta convocatoria, a institución académica suma xa 13 centros con este recoñecemento, ao seren seleccionados na edición de 2024 o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx), a Facultade de Comunicación e a Facultade de Comercio. Os tres obtiveron unha cualificación superior a 80 puntos (85, 81 e 80, respectivamente) como requiren as bases, polo que pasarán a lucir a insignia que acompaña este distintivo e recibirán 3000 euros cada un para desenvolver políticas de promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

As tres responsables dos centros, Concepción Paz, directora do Cintecx; Emma Torres, decana de Comunicación e Consuelo Currás, decana de Comercio, reciben esta distinción coa ledicia e o orgullo que implica obter un recoñecemento ao traballo colectivo a prol da igualdade desenvolvido durante anos polas comunidades educativas que integran estes centros. Esa é precisamente a premisa coa que naceu o distintivo, “visibilizar e recoñecer pública e institucionalmente o esforzo de moitas persoas que, na Universidade de Vigo, loitan día a día por investigar, ensinar, transferir, xestionar e producir coñecemento científico, incorporando a mirada de xénero e feminista” e traballando para “conquerir unha Universidade máis humana, igualitaria e xusta”.

Estes tres novos centros únense a unha listaxe que inaugurou a Facultade de Filoloxía e Tradución e á que se foron sumando as de Educación e Traballo Social, de Ciencias Xurídicas e do Traballo, de Ciencias Económicas e Empresariais, de Dereito do campus de Ourense; as escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, de Enxeñaría de Telecomunicación; así como o CIM-Centro de Investigación Mariña, o CINBIO, Centro de Investigacións en Nanomateriais e Biomedicina e o centro de investigación atlanTTic.

Cintecx aposta pola igualdade nun eido masculinizado

A candidatura que obtivo mellor puntuación foi a do Cintecx, que como explica a súa directora, Concepción Paz, “é un centro de investigación do ámbito tecnolóxico-industrial cunha situación de partida masculinizada” pero cun firme compromiso con acadar “a igualdade efectiva entre mulleres e homes”. Dende a súa creación, lembra Paz, sempre se puxo o foco en “intentar remover os obstáculos que dificultan e, nalgúns casos, impiden a igualdade efectiva”, poñendo en marcha medidas para eliminar a discriminación por razón de sexo no centro e incorporando a perspectiva de xénero en todas as fases do proceso investigador ou mesmo “urxindo a instancias superiores, cando corresponde, medidas que garantan o progreso das carreiras das nosas investigadoras en igualdade de condicións”. O último exemplo deste compromiso foi a presentación, a pasada semana, dunha guía práctica para integrar a perspectiva de xénero nas investigacións tecnolóxicas e industriais.

Para Concepción Paz, o feito de obter este distintivo “supón un importante respaldo ao compromiso de Cintecx coa igualdade, a diversidade e a inclusión e anímanos a continuar nas nosas actuacións futuras nesta senda”.