Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, Medallas de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias

Dúas das cinco Medallas de Investigación que a Real Academia Galega de Ciencias outorgará o vindeiro xoves 8 de outubro terán como destinatarios aos investigadores da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa. Os galardóns cos que a RACG recoñece a traxectoria consolidada de cinco científicos galegos recaeron nesta segunda edición na sección de Química e Xeoloxía (Medalla Antonio Casares Rodríguez) no catedrático Jesús Simal Gándara, responsable do Grupo de Investigacións Grupo de Investigacións Agro- Ambientais e Alimentarias, mentres que na sección de Ciencias Técnicas, a Medalla Isidro Parga Pondal é para o tamén catedrático da UVigo e coordinador do Grupo Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) Xosé Ramón Nóvoa Rodríguez. Pola súa banda, os investigadores da USC Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, recibirán as medallas das seccións de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Ciencias Económicas e Sociais e Bioloxía e Ciencias da Saúde, respectivamente.

O Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela acollerá o vindeiro xoves o acto de entrega das Medallas de Investigación 2020, que estará presidido polo titular do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente da RACG, Juan M. Lema Rodicio, e no, ademais de render homenaxe ao enxeñeiro Andrés Comerma, deseñador do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, entregaranse os Premios de Investigación Ernesto Viéitez. Precisamente neste apartado o enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado recibirá a mención honorífica sénior que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga en recoñecemento ao desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión.