VALLE_H2GAP impulsa o hidróxeno renovable en Galicia e o Norte de Portugal

Persoal investigador de CINTECX participa neste proxecto que promove un ecosistema común de hidróxeno renovable a través de investigación, demostración e formación especializada.

Co obxectivo de impulsar un ecosistema transfronteirizo de hidróxeno renovable na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, o consorcio coordinado polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e no que participa o Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo (CINTECX), lanza o proxecto VALLE_H2GAP, unha iniciativa estratéxica cofinanciada polo programa INTERREG POCTEP.

Durante a xornada de lanzamento que tivo lugar nas instalacións de CTAG en O Porriño, representantes institucionais, axentes do sistema de innovación, entidades empresariais e socios do consorcio destacaron o crecente interese polo hidróxeno como vector estratéxico para a transición enerxética.

A contribución do grupo GTE de CINTECX a este proxecto céntrase no desenvolvemento experimental de solucións para a integración do hidróxeno renovable en redes de distribución enerxética. En concreto, o equipo traballará no deseño dun piloto de blending que permitirá analizar o comportamento de mesturas de hidróxeno en condicións controladas e representativas da operación real. Este piloto xerará coñecemento técnico sobre aspectos clave como o control de caudal, a medición da concentración, a homoxeneidade da mestura, a compatibilidade de compoñentes, a detección de fugas, a seguridade e a operación de equipos en contornas con presenza de hidróxeno, contribuíndo a avanzar no desenvolvemento de futuras redes dedicadas.

Formación para unha transición enerxética sostible

Entre as súas principais liñas de traballo, o proxecto VALLE_H2GAP abordará a análise de experiencias internacionais, a definición de modelos de despregamento adaptados ao territorio, o desenvolvemento de accións demostrativas para validar a viabilidade técnica e económica de solucións baseadas en hidróxeno, e a posta en marcha de actividades de formación e capacitación orientadas a xerar talento especializado.
Neste sentido, o traballo do persoal investigador de CINTECX terá un papel relevante nas actividades de formación e capacitación do proxecto. Tal e como destaca a investigadora do grupo GTE, Concepción Paz Penín, “desde GTE-CINTECX contribuiremos de forma activa ás actividades de formación e capacitación previstas en VALLE_H2GAP, achegando contidos técnicos e talleres especializados vinculados á integración do hidróxeno en redes de distribución”. O seu traballo permitirá, ademais, avaliar solucións tecnolóxicas e analizar os seus beneficios sociais, económicos e ambientais.

CINTECX forma parte deste consorcio composto por 10 entidades de Galicia e do Norte de Portugal, representativas de toda a cadea de valor do hidróxeno renovable: administracións públicas (INEGA–Xunta de Galicia), asociacións empresariais (Asociación Galega do Hidróxeno e Asociación Portuguesa de Promoción do Hidróxeno), centros tecnolóxicos (CTAG, INEGI), unha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (GNP, AECT) e universidades (USC, UVIGO, UDC, UTAD).