«Superwoman non hai: sen apoio e corresponsabilidade, a conciliación é imposible», Ángeles Sanromán

A directora de CINTEX protagoniza o mes de marzo no calendario ilustrado do centro, onde comparte a súa traxectoria, a importancia dos referentes e a necesidade de apoiar a quen investiga mentres coida.

O mes de marzo do calendario ilustrado do centro ten como protagonista a Ángeles Sanromán, catedrática do Departamento de Enxeñaría Química, responsable do grupo BIOSUV e directora do CINTECX. A súa traxectoria é un exemplo de como a vocación investigadora pode construírse paso a paso e de como a conciliación, entendida como un exercicio compartido, pode permitir avanzar na carreira científica sen renuncias esenciais.

Ángeles lembra que chegou á investigación sen un plan preestablecido, aínda que sempre sentiu afinidade pola química e as ciencias. O seu encontro coa Enxeñaría Química produciuse grazas a actividades de divulgación que lle permitiron descubrir as posibilidades desta disciplina e, máis adiante, realizar a súa tese xunto ao profesor Juan Lema, figura clave no inicio da súa carreira. Tamén destaca a importancia de ter contado con referentes femininos, como María José Núñez, primeira catedrática de Enxeñaría Química en Galicia, que lle demostrou que “unha muller podía desenvolver a súa carreira sen ningún problema”.

Unha carreira que avanza xunto coa conciliación

Un dos momentos máis esixentes da súa vida profesional coincidiu co nacemento dos seus fillos, un parto xemelar nunha época sen permisos de paternidade, sen teletraballo e sen ferramentas dixitais. A isto sumábase o coidado da súa nai e responsabilidades de xestión na universidade. Ángeles resume esa etapa cunha frase que hoxe segue sendo unha mensaxe necesaria: “Superwoman non hai. O fundamental é o apoio familiar e a corresponsabilidade real”. A pesar das dificultades, asegura que nunca sentiu que a súa carreira se detivese. “Sempre que xurdía unha oportunidade, valorabámola na casa e buscabamos como organizarnos”, lembra, convencida de que a clave estivo en actuar como un equipo e planificar cada decisión en conxunto.

Aínda que recoñece que algunhas afeccións quedaron en segundo plano, valora o gratificante de seguir avanzando na investigación —“cando nos conceden un proxecto, desfrútoo como o primeiro día”— e observa con satisfacción como a universidade evolucionou en materia de conciliación. Desde o recoñecemento da produción docente durante períodos de baixa ata a flexibilización de horarios ou o uso de reunións en liña, medidas que considera fundamentais para permitir que a ciencia e a vida persoal avancen da man. “Se traballamos nun entorno amigable, todo flúe mellor”, afirma.

Unha mensaxe para quen comeza

Para rematar, Sanromán anima as persoas máis novas a elixir un camiño que lles motive e a entender a conciliación como un compromiso compartido. “Todos os labores da casa deben compartirse. Só así todos poderemos desenvolvernos plenamente”, sinala. A súa traxectoria demostra que, con apoio, organización e referentes visibles, a carreira investigadora pode medrar sen deixar de lado a vida persoal.

O contido desta noticia forma parte da entrevista concedida pola directora de CINTECX á iniciativa Cámara Aberta CINTECX ás mulleres e homes STEM”, dispoñible completa proximamente no canal de YouTube do centro.