O grupo LaserON recibe o primeiro premio do Instituto Americano do Láser

O grupo de Aplicacións dos Láseres (LaserON) da Universidade de Vigo acaba de ver recoñecido o seu traballo co primeiro premio do LIA (Laser Institute of America). O galardón William M. Steen Award outórgase a organizacións cunha significativa innovación no uso de láseres para o procesamento avanzado de materiais. En concreto, os investigadores da Escola de Enxeñaría Industrial acadaron esta distinción polo desenvolvemento dun proceso que permite, por primeira vez, conseguir nanofibras de vidro sen limitación de lonxitude. Patentado e bautizado como Cofiblas (Continuous fiberizing by laser melting – fibrado continuo por fusión láser), combina un láser de alta potencia e un chorro supersónico de aire para quentar e moldear o material de partida, conseguindo fibras de vidro continuas e dun espesor que pode ser controlado a vontade, entre 300 nanómetros e 30 micras. Para facerse unha idea, os investigadores apuntan que un cabelo humano medio ten un espesor de 70-80 micras.

A catedrático Juan Pou, coordinador do grupo, considera que recibir este galardón é unha “enorme satisfacción” por tres razóns. Por unha banda, porque é un premio colectivo, que recibe todo o grupo de investigación que leva máis de 25 anos traballando nas aplicacións dos láseres na EE Industrial. “Gustaríame facelo extensivo a todas as persoas que nos axudaron durante todo este tempo, incluído o persoal de administración e servizos”. En segundo lugar, remarca que é un premio “no que compiten as institucións de investigación e desenvolvemento no campo da tecnoloxía láser máis relevantes de todo o mundo”, dende EEUU e Europa a Xapón ou China… “competimos por este premio e foi para a nosa Universidade”. De feito, os investigadores da UVigo fixéronse coa distinción por diante do NIST (National Institute of Standards and Technology), de EEUU, e da empresa alemá de tecnoloxía láser Precitec, que acadaron o segundo e terceiro lugar respectivamente. Finalmente, Pou destaca tamén o feito de que o premio leve o nome do profesor William Steen, “pioneiro na aplicación do láser para o procesamento de materiais, con quen o estrañado profesor Mariano Pérez-Amor, fundador do noso grupo de investigación, iniciou unha colaboración e amizade nos anos 80 que perdura hoxe en día entre nós e o xa retirado profesor Steen”.