CINTECX e AIMEN Centro Tecnolóxico continúan a súa aposta por visibilizar referentes femininos en ciencia e tecnoloxía coa itinerancia da exposición “Mujeres Investigadoras CINTECX–AIMEN”, que poderá visitarse na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (eME UVigo) entre o 17 e o 23 de marzo, coincidindo cos actos conmemorativos do 8M.
A mostra foi presentada oficialmente o 17 de marzo, no marco do acto de entrega dos Premios Mulle.RME 2026, un certame que recoñece iniciativas creativas comprometidas coa igualdade de xénero. A presentación dos premios correu a cargo de María Pazo, investigadora de CINTECX e enlace de igualdade da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, quen destacou a importancia de promover espazos que dean visibilidade ao talento feminino no ámbito científico‑tecnolóxico.
Nesta edición, o 1º premio, dotado con 300 € e diploma, recaeu na obra “A muller na industria Offshore I”, de Philip Walter Swenson e Andrea Vidal Rivera. O 2º premio, con 150 € e diploma, foi para “Camiños por picar”, de Brian Rodríguez Torres, estudante da propia Escola.
Durante o evento, Mariola Norte, enlace de igualdade e responsable de comunicación de CINTECX, foi a encargada de introducir a exposición e dar paso a dúas das súas protagonistas, que compartiron os seus testemuños en primeira persoa. Raquel Pérez Orozco e Amanda Franco Sardinha relataron a súa traxectoria no ámbito científico‑tecnolóxico e reflexionaron sobre os retos que aínda persisten para as mulleres na investigación.
Franco resumiu o espírito da iniciativa cunha mensaxe clara: “Estamos rompendo estigmas”, subliñando a importancia de contar con referentes visibles que animen a máis mozas a explorar carreiras STEM.
A exposición está instalada no vestíbulo principal da sede do campus da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde poderá visitarse durante toda a semana. Ademais, estará dispoñible tamén en formato dixital a través das páxinas web de CINTECX e AIMEN, ampliando así o seu alcance e facilitando o acceso a toda a comunidade universitaria.

