Da química da auga aos edificios do futuro: CINTECX en Pint of Science Vigo

As investigadoras de CINTECX, María Pazo e Patricia González Cabaleiro, levaron a investigación ao público do café de Catro a Catro de Vigo.

A ciencia volveu saír do laboratorio para atoparse coa cidadanía nunha nova edición de Pint of Science en Vigo, coa participación das investigadoras de CINTECX María Pazo e Patricia González Cabaleiro, que achegaron a investigación ao público nun ambiente próximo, participativo e distendido.

Por primeira vez, o festival incorporou a iniciativa Pint Kids: Ciencia Miúda, unha proposta pensada especificamente para o público infantil. Neste marco, María Pazo conseguiu captar a atención dos máis pequenos no Café de Catro a Catro coa charla “Que agocha a auga? Acidez e outros misterios”, unha sesión tan didáctica como divertida na que a ciencia se explicou a través de experimentos visuais e coloridos.

Durante a actividade, as nenas e nenos aprenderon a medir o pH utilizando unha escala de cores e puideron observar o nivel de acidez ou basicidade de produtos cotiáns e alimentos como o limón, o vinagre, o xel de ducha ou algúns refrescos, respondendo á pregunta clave: ácido ou básico?. Ademais, a investigadora explicou de maneira moi visual conceptos como a solubilidade de determinados minerais na auga en función do seu pH e como os elementos moi ácidos poden afectar á corrosión de certos materiais.

A charla serviu tamén para transmitir unha mensaxe fundamental: a auga é moito máis ca o que sae da billa ou cae do ceo. A través de exemplos sinxelos, María Pazo explicou que a contaminación do aire ou do solo acaba chegando inevitablemente a ríos e mares, e que para protexer a saúde humana e a dos ecosistemas, os científicos analizan a auga buscando “pistas” como a súa acidez ou a presenza de bacterias daniñas. Con isto, o grupo de pequenos participantes asumiu a súa misión como investigadores: examinar mostras e descubrir como axudar a que o ciclo da auga se manteña limpo.

Edificios baixo a luz da ciencia

Na sesión posterior, dirixida ao público xeral, Patricia González Cabaleiro participou co obradoiro “Edificios baixo a luz da ciencia”, no que mostrou como a enxeñaría e as novas tecnoloxías de captura 3D, como o LiDAR, permiten analizar estruturas que aparentemente parecen inmóbiles, pero que en realidade están sometidas constantemente ao paso do tempo, ao clima e á súa contorna.

Durante a charla, o público descubriu que os edificios “loitan” de forma continua contra forzas invisibles como o seu propio peso, o vento, a choiva ou o comportamento do terreo. A través de exemplos claros, a investigadora explicou que factores hai que ter en conta para que unha construción se manteña en pé e como a investigación científica permite “ver o que non se ve”, capturando edificios en 3D, analizando o seu comportamento e aprendendo a coidar o seu ciclo de vida.