CINTECX reforza o seu compromiso coa educación científica acollendo múltiples proxectos STEMBach da área de Vigo e Baiona

O alumnado do Colexio Lar puido experimentar co betatest do xogo “Alerta Verde: salva o teu centro educativo coa misión CINTECX”

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) continúa consolidándose como un referente en divulgación científica e formación práctica para o alumnado de secundaria e bacharelato. Durante o último mes, varios centros educativos da área de Vigo, Nigrán e Baiona visitaron as instalacións do centro para desenvolver os seus proxectos STEMBach, unha iniciativa que impulsa a investigación temperá e o contacto directo con equipos científicos multidisciplinares.

O IES Primeiro de Marzo de Baiona investiga a descontaminación de augas e a produción de hidróxeno verde

A finais de xaneiro, dous grupos do IES Primeiro de Marzo de Baiona, correspondentes ao programa STEM 2025–2027, traballaron en CINTECX acompañados por persoal investigador. Por unha banda, coordinados polas investigadoras do grupo BIOSUV, Marta Pazos e Aida Díez, desenvolven o proxecto “Ecodeseño e rexeneración de materiais para a descontaminación de augas residuais”. Durante a xornada, o alumnado familiarizouse con equipamento de laboratorio avanzado e levou a cabo a degradación dun efluente coloreado mediante a reacción Fenton, unha técnica de oxidación avanzada empregada para eliminar contaminantes orgánicos.

O proxecto explora o uso de arxilas naturais como materiais adsorbentes capaces de reter contaminantes emerxentes —pesticidas, fármacos, microplásticos e outros compostos— e avalía a posibilidade de rexeneralas combinando procesos de adsorción e oxidación avanzada. Unha liña de traballo aliñada cos ODS 6 e 12, orientados á xestión sostible da auga e dos recursos naturais.

Paralelamente, estudantes do mesmo centro avanzaron no seu proxecto “Redes metálicas estruturadas para a produción de hidróxeno verde”. Esta investigación céntrase no estudo dos Metal-Organic Frameworks (MOF), especialmente bimetálicos, como catalizadores para optimizar as reaccións de Oxidación da Auga (OER) e Redución da Auga (HER) na electrólise. O obxectivo é mellorar a eficiencia do proceso de obtención de hidróxeno verde, un dos vectores enerxéticos clave para a descarbonización industrial.

Visitas do Colexio Lar e do Colexio Montecastelo

Ademais do IES Primeiro de Marzo, CINTECX recibiu recentemente un grupo de estudantes do Colexio Lar, nunha visita encabezada pola directora do centro, Ángeles Sanromán, e coordinada tamén polo grupo BIOSUV. O alumnado tivo a oportunidade de realizar experimentos no laboratorio, coñecer técnicas de análise química e achegarse á investigación aplicada co apoio do persoal técnico do centro. Así mesmo, puideron experimentar co betatest do xogo “Alerta Verde: salva o teu centro educativo coa misión CINTECX”, financiado pola Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica e da innovación da FECYT.

Así mesmo, estudantes do Colexio Montecastelo realizaron a súa visita no marco da mesma iniciativa STEMBach. Nesta ocasión, a actividade estivo guiada polo investigador Pedro Arias, que acompañou o alumnado en experiencias científicas relacionadas co seu proxecto e lles introduciu en metodoloxías de traballo propias da investigación desenvolvida no grupo GeoTech.

Un ecosistema de aprendizaxe que conecta ciencia e sociedade

As visitas e proxectos desenvolvidos en CINTECX reflicten a crecente interacción entre o ámbito educativo e o contorno investigador. Para o centro, estas actividades representan unha oportunidade para achegar a ciencia á sociedade, promover vocacións STEM e mostrar o impacto que a investigación en tecnoloxías, enerxía e procesos industriais pode ter en desafíos globais como a contaminación da auga ou a transición enerxética.

O equipo investigador destaca o nivel de curiosidade, iniciativa e capacidade crítica mostrado polo alumnado participante, que se enfronta a problemas reais, propón solucións e aprende directamente nun contorno de laboratorio profesional.