CINTECX recibe a Maria Silva para traballar en fotocatálise e oxidación avanzada

O grupo BISUV do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) recibiu nas últimas semanas á investigadora Maria Silva, quen desenvolveu unha estadía de investigación no marco dun complementary training protocol da Fundação para a Ciência e a Tecnologia (FCT).

A estadía centrouse no estudo da fotocatálise e dos procesos de oxidación avanzada, dúas tecnoloxías que buscan dar resposta a problemas ambientais relacionados coa contaminación da auga e do aire. A fotocatálise emprega materiais capaces de activar reaccións químicas mediante a luz, o que permite transformar contaminantes en compostos menos prexudiciais. Pola súa parte, os procesos de oxidación avanzada xeran especies químicas altamente reactivas que poden degradar substancias orgánicas persistentes, contribuíndo a mellorar a calidade ambiental e a avanzar cara a sistemas de tratamento máis sostibles.

O traballo desenvolvido por Maria Silva en CINTECX permitiu profundar nestas liñas de investigación e reforzar a colaboración científica entre institucións.

O pasado venres celebrouse a súa despedida en Vigo. Con motivo do seu regreso ao Centro de Investigación da Universidade de Coimbra, CERES UC, o grupo BISUV transmitiulle o seu agradecemento polo labor realizado e os mellores desexos de éxito nos próximos retos académicos e profesionais.