CINTECX reforza a súa presenza no ecosistema de innovación participando na cuarta edición de Science for Industry, celebrada en La Nave (Madrid) os días 28 e 29 de xaneiro. O centro forma parte da delegación galega impulsada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), que conta cun stand propio para visibilizar o talento e a tecnoloxía desenvolvida en Galicia, xunto coa Oficina de I+D+i da Universidade de Vigo.
Science for Industry consolidouse como un encontro estratéxico que conecta investigación de fronteira, industria e capital. En edicións anteriores reuniu máis de 30.000 investigadores, grandes compañías, startups de base científica e fondos de investimento, co obxectivo de acelerar a chegada ao mercado de tecnoloxías Deep Science con impacto real.
En representación de CINTECX participa Alba Giráldez, xestora de transferencia e proxectos, encargada de presentar as capacidades tecnolóxicas do centro e as súas solucións orientadas á industria. Xunto a ela, tamén estivo presente o grupo DSN de CINTECX, representado polos investigadores Abraham Segade, Sofía Suárez e José Ángel López, quen deron a coñecer a spin‑off Nsilica, especializada en solucións de bioenxeñaría e análise numérica avanzada para profesionais do sector industrial e sanitario.
Grazas á estrutura do evento, que favorece reunións directas con empresas, o equipo de CINTECX tivo a oportunidade de reunirse con representantes de Repsol, nun intercambio especialmente frutífero que abre a porta a futuras colaboracións e proxectos conxuntos.
A organización do encontro —articulada arredor do Global Summit, o Industry Corner e o Investors Club— facilita a identificación de retos tecnolóxicos, o acceso a capacidades de alto potencial e a creación de alianzas estratéxicas para impulsar novos proxectos de innovación.

