CINTECX da un novo paso pola igualdade con «Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía»

O centro aposta polo cómic como ferramenta de divulgación e igualdade para achegar á sociedade referentes femininos da enxeñaría e da tecnoloxía

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, CINTECX, da Universidade de Vigo, continúa avanzando no seu compromiso coa igualdade de xénero cunha nova iniciativa, «Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía», financiada na convocatoria do ano 2026 de axudas para a organización de actividades que contribúan á sensibilización en materia de xénero e á transmisión de valores igualitarios na Universidade de Vigo.

A iniciativa supón un novo paso no traballo desenvolvido polo centro durante os últimos anos para visibilizar as mulleres nos ámbitos científico e tecnolóxico. Tras as anteriores edicións de Cámara Aberta CINTECX, centradas nas experiencias do persoal investigador e en cuestións como a igualdade, a conciliación ou os coidados, o centro aposta agora por un novo formato: a viñeta ilustrada como ferramenta de divulgación e sensibilización.

Así nace Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía, un cómic que recupera as historias de mulleres que romperon barreiras en ámbitos tradicionalmente masculinizados. Para iso, o proxecto transforma as súas historias nun relato gráfico accesible e atractivo, no que as científicas e enxeñeiras ocupan, precisamente, o lugar que durante moito tempo lles foi negado: o de protagonistas, converténdoas así en referentes femininos STEM.

Tres enxeñeiras, tres historias para romper barreiras

As protagonistas elixidas representan tres épocas, contextos e formas diferentes de abrir camiño na enxeñaría e na tecnoloxía: Norah Magero, Beatrice Hicks e Elisa Leonida Zamfirescu.

Norah Magero, enxeñeira mecánica kenyana e experta en enerxías renovables, representa unha visión contemporánea da enxeñaría orientada a resolver problemas reais das comunidades. Entre os seus proxectos destaca VacciBox, unha solución portátil de refrixeración alimentada mediante enerxía solar concibida para facilitar a conservación e o transporte de vacinas en zonas con dificultades de acceso estable á electricidade.

Beatrice Alice Hicks foi pioneira no ámbito da enxeñaría estadounidense no século XX. Desenvolveu a súa carreira traballando en sistemas de control e sensores e contribuíu, ademais, a abrir camiño para outras profesionais como unha das fundadoras da Society of Women Engineers.

Pola súa banda, Elisa Leonida Zamfirescu foi unha das primeiras mulleres enxeñeiras de Europa. Nunha época na que o acceso das mulleres aos estudos técnicos atopaba importantes barreiras, conseguiu desenvolver unha extensa traxectoria profesional vinculada á investigación e á enxeñaría, converténdose nun referente para as xeracións posteriores.

O cómic presentarase na Xornada de Ciencia Aberta de CINTECX

«Científicas en Viñetas: Heroínas da Enxeñaría e da Tecnoloxía» darase a coñecer o vindeiro 6 de novembro durante a Xornada de Ciencia Aberta de CINTECX, que se celebrará no Tinglado do Porto de Vigo. Ao longo da xornada, que reunirá pola mañá preto de 300 estudantes e abrirá as súas portas a toda a cidadanía de 17.00 a 20.00 horas, o público poderá descubrir esta nova proposta que une ciencia, creatividade e igualdade, xunto coas actividades e demostracións científicas dos grupos de investigación do centro.

O cómic está dispoñible en formato dixital na páxina web de CINTECX, dentro do apartado de Igualdade. Ademais, aquelas persoas ou entidades interesadas en dispoñer dun exemplar en formato físico poden solicitalo a través do correo electrónico cintecx@uvigo.gal.