Jornada de Ciencia Abierta CINTECX

Unha das actividades fundamentais para CINTECX é a difusión do coñecemento. Anualmente, desde o centro lévase a cabo un programa de actividades de divulgación científica, co obxectivo de fomentar e incentivar o achegamento da ciencia, a tecnoloxía e a innovación á cidadanía, mellorando a educación e a cultura científico-técnica.

 

CINTECX abre as súas portas en Vigo: investigación que conecta coa cidade

O próximo 6 de novembro, o Tinglado do Porto de Vigo acollerá unha xornada cunha decena de talleres, alén de espectáculos e xogos, para descubrir de preto a investigación científica e tecnolóxica que se leva a cabo na Universidade de Vigo.

CINTECX sae dos seus laboratorios para atoparse coa cidadanía en pleno corazón da cidade. O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais celebrará unha nova edición das súas xornadas de portas abertas cunha importante novidade: saír á rúa e abrir as súas actividades a públicos de todas as idades.

Ao longo do día, unha vintena de investigadores e investigadoras compartirán o seu traballo mediante demostracións, talleres e experiencias participativas. Con elas poderase descubrir como a enxeñería e a tecnoloxía axudan a resolver problemas cotiáns e a afrontar os grandes desafíos da nosa sociedade.

Cámaras que captan imaxes imposibles de percibir a primeira ollada, experimentos sorprendentes con lume, bioimpresión con recursos mariños ou procesos para eliminar contaminantes da auga son algunhas das propostas dunha xornada na que a curiosidade e a experimentación serán as protagonistas.

Horarios e ubicación

Data: venres, 6 de novembro de 2026
Lugar: Tinglado do Porto de Vigo, Peirao de Comercio, Vigo

A xornada divídese en dúas sesións:

  • De 10:00 a 14:00 h: actividades dirixidas a centros educativos de secundaria e bacharelato, con inscrición previa.
  • De 17:00 a 20:00 h: actividades abertas a toda a cidadanía, con entrada libre e gratuíta.
Localización

 

Programa de actividades

Pola mañá: unha procura do tesouro científica

Preto de 300 estudantes de secundaria e bacharelato de centros educativos de Vigo, Redondela e Santiago de Compostela converterán O Tinglado do Porto nun espazo de exploración científica.

En grupos de entre 10 e 15 persoas, percorrerán os postos divulgativos seguindo un itinerario de procura do tesouro. Durante unhas dúas horas terán que superar probas e experimentar con algunhas das tecnoloxías e procesos que investiga CINTECX: desde a enerxía e o medioambiente ata a fabricación avanzada, o escaneo 3D ou a realidade mixta.

Pola tarde: ciencia para todas as idades

Nenos e nenas experimentando nun obradoiro de CINTECX

A partir das 17.00 horas, O Tinglado do Porto abrirá as súas portas a toda a cidadanía, con propostas pensadas para descubrir, experimentar e sorprenderse da man do persoal investigador de CINTECX.

A ágora central acollerá un espectáculo científico pensado para os máis pequenos, que mostrará con experimentos, humor e sorpresas por que é importante investigar.

Ademais, haberá xogos, talleres e outras actividades participativas que invitarán os nenos e nenas a facerse preguntas, experimentar e descubrir o mundo que os rodea.

Consulta aquí as actividades e os horarios.

 

A investigación de CINTECX, máis preto da sociedade

CINTECX reúne a preto de 200 investigadores e investigadoras que traballan en ámbitos como as enerxías renovables, a eficiencia enerxética, o aproveitamento de recursos naturais, a valorización de residuos industriais, a fabricación avanzada, os novos materiais, as tecnoloxías de propulsión limpas e a intelixencia artificial.

Desde 2019, o centro organiza as súas xornadas de portas abertas para compartir a súa actividade investigadora e espertar o interese pola ciencia e a tecnoloxía. Nesta sétima edición, a iniciativa dá un paso máis: trasládase ao centro de Vigo e abre por primeira vez a súa programación a toda a cidadanía. Unha oportunidade para coñecer a quen investiga, descubrir como traballan e comprobar que a ciencia está moito máis preto da nosa vida cotiá do que imaxinamos.

Vén descubrir a ciencia de CINTECX!

 

Unha tarde para experimentar, sorprenderse e gozar da ciencia en familia.

Onde: Tinglado do Porto de Vigo, Peirao de Comercio
Cuándo: viernes, 6 de noviembre de 2026
Horario abierto ao público: de 17:00 a 20:00 h

Actividade organizada por CINTECX, centro de investigación da Universidade de Vigo, con financiamento da Xunta de Galicia e dos fondos europeos FEDER..