O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo foi o escenario do seminario internacional “Master Multimodal Non-Destructive Testing: Leverage AI, GPR, and Ultrasound”, unha xornada centrada no uso de tecnoloxías emerxentes para a avaliación non destrutiva de infraestruturas e do patrimonio cultural.
O evento, organizado pola Dra. María Mercedes Solla, investigadora do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas de CINTECX (GeoTech), en colaboración coa empresa Screening Eagle – Proceq, reuniu a expertos internacionais e contou coa participación de persoal investigador de CINTECX e de alumnado da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, con sede en Pontevedra.
Ao longo da xornada, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man como a intelixencia artificial, o radar de penetración terrestre (GPR) e os ultrasóns están a transformar o diagnóstico estrutural e a conservación do patrimonio. O programa incluíu relatorios de alto nivel a cargo do Dr. Jorge Otero, da Dra. María Mercedes Solla, de Ahmed Elseicy e do Dr. Alex Novo, que abordaron desde a avaliación de danos nos moáis da Illa de Pascua ata a aplicación de modelos de aprendizaxe profunda e GPR multicanle en infraestruturas de transporte.
O Dr. Jorge Otero, investigador da Universidade de Barcelona, centrou a súa intervención na avaliación dos danos provocados por incendios nos moáis da Illa de Pascua, empregando tecnoloxías de ensaio non destrutivo. A continuación, a Dra. María Mercedes Solla expuxo as capacidades do radar de penetración terrestre (GPR) para mellorar a identificación de riscos en infraestruturas de transporte, salientando o seu potencial para detectar problemas ocultos antes de que se convertan en fallos estruturais. A terceira intervención correu a cargo de Ahmed Elseicy, investigador do grupo GeoTech, quen presentou como os modelos de aprendizaxe profunda poden acelerar a interpretación de datos GPR, facilitando así a toma de decisións no ámbito das infraestruturas. Finalmente, o Dr. Alex Novo, responsable de Xestión de Produto para Aplicacións de GPR en Screening Eagle – Proceq, abordou o uso do radar de penetración terrestre multicanle na monitorización estrutural e no mantemento de infraestruturas, amosando casos prácticos e resultados obtidos en proxectos recentes.
Demostracións prácticas con equipos
Ademais das sesións teóricas, o seminario ofreceu demostracións prácticas con equipos GPR Array e sistemas de ultrasóns Pulse-Echo, da man de Rosaly Wiegmans, de Screening Eagle – Proceq, e do Dr. Alex Novo, permitindo aos asistentes experimentar directamente con estas tecnoloxías aplicadas ao diagnóstico estrutural.
O seminario foi unha oportunidade para que os asistentes adquirisen técnicas avanzadas para mellorar as súas competencias en ensaios non destrutivos e monitorización estrutural. Ao longo da xornada explorouse como aproveitar o potencial da intelixencia artificial, do radar de penetración terrestre (GPR) e dos ultrasóns para transformar a avaliación de infraestruturas e a conservación do patrimonio cultural. A participación de expertos internacionais e a combinación de teoría e práctica converteron o evento nunha experiencia formativa de alto nivel, aberta de forma gratuíta a toda a comunidade interesada.
Con iniciativas coma esta, CINTECX reforza o seu papel como referente no uso de tecnoloxías emerxentes aplicadas ao diagnóstico estrutural e á preservación do patrimonio. Este seminario foi financiado por Screening Eagle – Proceq e cofinanciado pola Axuda para a estrutura, mellora e apoio aos Centros de Investigación do Sistema Universitario Galego (CIGUS), cofinanciada con fondos europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. Tamén participaron os proxectos dirixidos polo grupo GEOTECH: SUMARe, STRADAR e OVERSIGHT.