CINTECX achega a ciencia á cidadanía nunha nova edición da G-Night

Unha G-Night máis a ciencia saíu dos laboratorios para reencontrarse coa cidadanía

DUVI

A ciencia volveu saír dos laboratorios para achegarse á cidadanía durante a sexta edición da G-Night, celebrada o último venres de setembro nas principais cidades galegas. A Universidade de Vigo coordinou a Noite Galega das Persoas Investigadoras, con preto de 40 actividades desenvolvidas en Vigo, Ourense e Pontevedra e a participación dun cento de investigadoras e investigadores da UVigo, xunto con outras entidades do sistema galego de investigación.

En Vigo, o epicentro da celebración situouse no edificio Redeiras e na praza do Berbés, onde centos de persoas puideron coñecer de maneira aberta, participativa e divulgativa diferentes ámbitos da investigación. Durante a visita institucional á feira, a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, destacou que “unha universidade pública debe xerar coñecemento, pero tamén compartilo e facelo comprensible e útil para a sociedade”.

CINTECX achega cinco propostas para experimentar coa ciencia

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) participou un ano máis nesta celebración con cinco actividades divulgativas que permitiron ao público descubrir, de maneira práctica e interactiva, diferentes ámbitos de investigación desenvolvidos no centro. As propostas, organizadas por investigadores e investigadoras dos grupos BIOSUV, GESSMIN, GEOTECH e GTE, abordaron cuestións relacionadas coa química, a detección de riscos nas infraestruturas, o plasma, a combustión e a eficiencia enerxética.

Na praza do Berbés, Aida Díez, do grupo BIOSUV, e María Pazo, do grupo GESSMIN, presentaron conxuntamento O que nos conta a cor, unha actividade na que as persoas participantes puideron descubrir como as reaccións químicas poden provocar cambios de cor e como estas transformacións permiten detectar sustancias que non son visibles a simple vista. A través de diferentes experimentos, a proposta achegou a química ao público dun xeito visual e participativo.

No edificio Redeiras, o grupo GEOTECH estivo presente coa actividade Detectives de infraestruturas, a cargo de Sofía Calvar e Paula Caroline Alves. A proposta permitiu coñecer diferentes técnicas empregadas na detección avanzada de riscos en estradas, desde técnicas remotas e intelixencia artificial ata metodoloxías BIM e a integración de ensaios non destrutivos. As persoas asistentes tamén puideron achegarse aos resultados dos proxectos OVERSIGHT e RADAR-EYE, coñecendo como estas ferramentas poden contribuír ao estudo e á seguridade das infraestruturas.

A actividade Luz sen cables? A maxia do plasma, desenvolvida por Amanda Franco e Pablo López, do grupo GTE e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, achegou ao público ao chamado cuarto estado da materia. A través dunha bola de plasma, as persoas participantes puideron comprobar como é posible acender un tubo fluorescente sen cables nin contacto directo, observando de maneira práctica o efecto do campo eléctrico.

Tamén desde o ámbito do GTE, Noelia Bouzas e Juan José García presentaron Do lume á enerxía, unha proposta centrada no funcionamento da combustión. A actividade permitiu coñecer de forma práctica o denominado triángulo da combustión e comprobar como os seus tres elementos determinan que unha chama se manteña ou se apague, antes de poñer o aprendido a proba mediante un experimento de chama confinada.

Por último, Marta María Caride e David Rodiño, tamén do grupo GTE e da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, achegaron a Termografía infravermella: é posible ver a calor? A través dunha cámara termográfica, as persoas asistentes puideron visualizar a radiación infravermella emitida polos corpos e coñecer algunhas das aplicacións desta tecnoloxía, especialmente no ámbito da eficiencia enerxética.

Con estas cinco propostas, CINTECX volveu levar á G-Night diferentes ámbitos da investigación que se desenvolve no centro, ofrecendo ao público a oportunidade de experimentar directamente con fenómenos e tecnoloxías que forman parte do traballo diario dos seus grupos de investigación.