
Unha das actividades fundamentais para CINTECX é a difusión de coñecemento. Anualmente dende o centro lévase a cabo un programa de actividades de divulgación científica, a fin de fomentar e incentivar o achegamento da ciencia, a tecnoloxía e a innovación á cidadanía, mellorando a educación e cultura científico-técnica.
Centros de educación
Cintecx organiza cada curso académico as xornadas de portas abertas nas que alumnos de colexios e institutos de Galicia visitan o centro, formado por preto de 200 investigadores que traballan en áreas como as enerxías renovables, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, valorización de residuos industriais, desenvolvemento e aplicación de técnicas de fabricación avanzada e novos materiais, tecnoloxías de propulsión limpas ou a intelixencia artificial.
No centro coñecen, guiados polo persoal investigador, os diferentes laboratorios e proxectos que están a levar a cabo os nosos grupos. O alumnado pode participar en diversas actividades visuais e prácticas organizadas polo persoal do centro que lles permiten achegarse aos distintos ámbitos da enxeñería e ao seu importante papel para o avance da sociedade.
Os estudantes achéganse entre outros ao campo da enxeñería biomédica, aos biomateriais e as súas contribucións para mellorar a calidade de vida da sociedade. Poden ver de primeira man o uso dos recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais e vivir experiencias prácticas sobre temas relacionados coas reaccións de combustión química.
Empresas, institucións e outros colectivos
Cintecx tamén abre as súas portas a empresas e institucións como parte da súa estratexia de achegamento a empresas. Estas iniciativas contribúen a mellorar o posicionamento da imaxe de marca do Centro naquelas áreas con potencial interese para os seus labores de investigación, como tamén na creación e consolidación de redes de contactos con axentes empresariais interesantes para actividades colaborativas nun futuro.













