XORNADAS DE PORTAS ABERTAS CINTECX 2025 – Investigación que conecta
O 16 e 17 de outubro de 2025 celebráronse as xornadas de portas abertas en Cintecx cunha programación ampliada que, por primeira vez, incluíu actividades específicas para o público en xeral, ademais das habituais dirixidas a centros educativos. Nesta VI edición, ademais de contar co apoio da Xunta de Galicia, as xornadas de portas abertas contan tamén con financiamento dos Fondos Europeos FEDER.

Cintecx – Innovación que conecta con pequenos e maiores
A primeira xornada do 16 de outubro estivo dirixida ao público en xeral, reunindo a máis de 60 persoas de todas as idades. Tras recibir o kit de benvida e divididas en grupos, foron guiadas polo centro para realizar unha das catro rutas dispoñibles, onde lles agardaban diferentes actividades.
As persoas participantes experimentaron con procesos medioambientais cheos de cor, nos que realizaron procesos de adsorción e remediación de augas contaminadas ou xeración de hidróxeno, onde a ciencia se mostrou na súa faceta máis visual.
Na actividade de termografía infravermella, observaron imaxes térmicas en tempo real e aprenderon como distintos materiais responden á radiación.

Pola súa banda, a cámara de alta velocidade permitiulles descubrir procesos de gravación de imaxes a velocidades que superan a capacidade do ollo humano, mentres que en Corrosión: un problema, unha oportunidade experimentaron cos efectos da corrosión en distintos materiais.
Un dos espazos máis innovadores foi o dedicado á bioimpresión, onde se adentraron no campo da enxeñaría biomédica e dos biomateriais, coñecendo os usos que poden ter os recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais.
O obradoiro Dracarys ofreceu unha experiencia impactante con demostracións de combustión a partir de experimentos moi visuais e chamativos, que captaron a atención de grandes e pequenos.
Ao finalizar as rutas, as persoas asistentes puideron seguir experimentando con máis obradoiros e actividades: dende debuxar os seus propios deseños con bolígrafos de impresión 3D, subir ao coche de Fórmula 1 UM25 da escudaría UVigo MotorSport, ata mergullarse en Máis alá do real con lentes de realidade virtual.
Preto de 170 estudantes de secundaria e bacharelato participaron na busca científica do tesouro polas instalacións de Cintecx.
O venres 17 de outubro foi a quenda dos centros educativos: IES CARLOS CASARES (Vigo), IES de BEADE (Vigo), IES CASTRO DE VIGO, IES Valadares (Vigo), IES Rosalía Castro (Santiago) e IES Mendiño (Redondela).
Divididos en grupos de entre 10 e 15 persoas, percorreron o centro nun divertido itinerario composto por 3 rutas de busca do tesouro, de aproximadamente dúas horas de duración. Este percorrido interactivo polas instalacións de Cintecx achegoulles un aspecto diferente da investigación científica, con distintas probas e actividades que tiveron que superar para poder continuar a ruta.
Ademais de participar en obradoiros como os de termografía, cámara de alta velocidade, procesos medioambientais e combustión, o alumnado enfrontouse a novos retos.

En Ollos de pedra identificaron diferentes tipos de rochas ornamentais e minerais, aprendendo sobre os seus métodos de explotación e aplicacións cotiás, mentres que no espazo de enxeñaría inversa e escaneo 3D descubriron como redeseñar obxectos existentes utilizando tecnoloxía de dixitalización tridimensional.
Tamén experimentaron con lentes de realidade mixta nun contorno virtual interactivo e puxeron a proba a súa destreza técnica na montaxe dun motor con pezas reais.
A ruta finalizou cunha proba de coñecementos e a entrega de premios aos equipos gañadores, recoñecendo a súa implicación, creatividade e entusiasmo ao longo do percorrido.





























