Calendario CINTECX: Decembro con Raquel Pérez

“Somos o 50% da poboación, a nosa visión é fundamental para levar a investigación cara un futuro máis sostible.”

Investigo sobre a optimización de sistemas de enerxía térmica renovable e a súa aplicación para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios.

A miña paixón pola enxeñaría vén da posibilidade de ofrecer solucións prácticas e innovadoras aos desafíos sociais. Como enxeñeira de minas e enerxía, é motivador traballar para protexer o medio ambiente e promover o uso sostible dos recursos.

A multidisciplinariedade é algo que sempre marcou a niña carreira, combinando traballo experimental e de campo con modelos numéricos, ofrecendo unha visión global dos problemas estudados.

O meu traballo no eido da eficiencia enerxética nos edificios e a optimización de sistemas de combustión domésticos permíteme contribuír directamente á reducción da pegada ecolóxica, un aspecto chave no contexto enerxético e medioambiental actual.

Ás mozas diríalles que a investigación en enxeñaría ofrece unha contorna dinámica e en constante evolución, onde sempre hai algo novo que aprender e descubrir. É unha disciplina que permite combinar creatividade, innovación e un forte propósito de facer do mundo un lugar mellor.