Promovido pola Comisión Europea e coa participación de administracións, universidades, centros de investigación, industria e representantes das políticas públicas de transporte, o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category é un recoñecemento dirixido a investigadores consolidados polas súas achegas relevantes á investigación, innovación e desenvolvemento de políticas no ámbito do transporte, nomeadamente relacionadas coas infraestruturas viarias, a seguridade, a dixitalización, a intelixencia artificial, a mobilidade sustentable e a xestión avanzada das estradas. “Entendo que o premio recoñece unha traxectoria de investigación aplicada ao ámbito das infraestruturas viarias e a da súa dixitalización”, sinala o catedrático da UVigo Pedro Arias, primeiro investigador galego en recibir este recoñecemento internacional, logo de traballar durante anos “en liñas como a monitorado dixital de estradas, o cartografiado móbil, a inspección automatizada, o uso da IA, os xemelgos dixitais, a resiliencia das infraestruturas e os sistemas de apoio á decisión”, detalla Arias.
O galardón, que tamén valora a participación e coordinación de proxectos europeos, a transferencia tecnolóxica, as patentes e a colaboración con empresas e institucións públicas, foille entregado ao investigador de Cintecx no transcurso da Transport Research Arena (TRA) conference, que se desenvolve desde o pasado día 18 e ata hoxe en Budapest. A TRA é unha das principais conferencias europeas de investigación e innovación en transporte organizada pola Comisión Europea e na que Pedro Arias tamén está a participar en dúas sesións especiais vinculadas coa súa traxectoria investigadora: unha centrada na dixitalización e inspección de infraestruturas, IA, apoio á decisión e transferencia tecnolóxica aplicada á xestión viaria; e outra focalizada na formación de novos líderes para as autoridades públicas de estradas, na conexión entre investigación doutoral e necesidades reais do sector.
Un premio ao esforzo colectivo, que reforza a visibilidade internacional da UVigo
A maiores “dunha enorme satisfacción persoal e profesional”, Pedro Arias considera o TRA VISIONS Senior Researcher Award in the Road category un recoñecemento a moitos anos de traballo, “pero tamén ao esforzo colectivo dun grupo de investigación, de estudantes de doutoramento, colaboradores, empresas e institucións coas que tiven a oportunidade de traballar, e que dá visibilidade a este traballo”. O catedrático do Grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas valora moi especialmente que o premio que se lle outorgue na categoría de estradas, “porque boa parte da miña carreira estivo orientada a mellorar a seguridade, a eficiencia e a sustentabilidade das infraestruturas viarias”.
Para Arias, este galardón máis aló do elemento formal, ten como principal valor o recoñecemento europeo á traxectoria científica e á súa contribución ao futuro do transporte. “No ámbito das estradas, recoñece non só a produción científica, senón tamén a capacidade de transformar coñecemento en innovación, en solucións aplicables e en impacto para a sociedade”, detalla o investigador, que tamén destaca o relevo que este premio ten para a UVigo, “porque reforza a súa visibilidade internacional nun campo no que Europa está a apostar fortemente: a xestión intelixente, segura, resiliente e sustentable das infraestruturas”.
Así mesmo, para o primeiro investigador galego que recibe este recoñecemento, “este premio supón unha oportunidade moi relevante para proxectar internacionalmente a investigación que se fai desde Galicia no ámbito das infraestruturas e da mobilidade viaria”.

