A investigación de CINTECX volve situarse no centro da transferencia de coñecemento cara á industria grazas á cooperación impulsada polo programa Nexos, unha iniciativa da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que promove proxectos conxuntos entre pemes e axentes do sistema galego de I+D+i. A sede de ASIME acolleu unha xornada de presentación de iniciativas na que participaron representantes do centro.
Durante a sesión presentáronse cinco iniciativas: TRANET, OptiNav Hybrid TwinCruise, BIOLIN, ACUIVAC e CUBia, desenvolvidas por consorcios nos que participan empresas galegas xunto con universidades e centros de investigación, nunha aposta por trasladar o coñecemento científico ao tecido produtivo. En representación de CINTECX asistiron Jacobo Porteiro, José Luis Míguez, Ángeles Sanromán, Marta Pazos e Pedro Arias, nun encontro que reuniu empresas, centros tecnolóxicos e persoal investigador para dar a coñecer distintos proxectos colaborativos de I+D+i.
Ciencia con selo CINTECX e cooperación co tecido empresarial
A participación de CINTECX visualizouse nesta xornada a través da implicación de tres dos seus grupos de investigación en cinco dos proxectos presentados: o grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE), o grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas (GEOTECH) e o grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles (BIOSUV). A súa achega céntrase en ámbitos como a simulación, a análise de datos, a validación de tecnoloxías en contornas reais ou o desenvolvemento de solucións vinculadas á sustentabilidade.
O grupo GTE participa nos proxectos TRANET e OptiNav Hybrid TwinCruise. O primeiro formula o aproveitamento da calor residual de procesos industriais mediante o seu almacenamento en sales fundidas e a súa posterior reutilización, co obxectivo de reducir os consumos enerxéticos. O segundo céntrase en mellorar a eficiencia dos buques mediante xemelgos dixitais e sistemas de control preditivo, co foco na redución de consumo e emisións.
No ámbito territorial, o proxecto BIOLIN aborda a xestión da biomasa en contornas vinculadas a infraestruturas como estradas, vías ferroviarias ou redes enerxéticas, onde é necesario manter despexadas as zonas de seguridade. Nesta iniciativa participan os grupos GEOTECH e BIOSUV, que achegan a súa experiencia en análise xeoespacial e valorización de biomasa.
Pola súa banda, CUBia, con participación de GEOTECH, propón novas metodoloxías de cubicación forestal a partir de tecnoloxías como LiDAR ou sistemas de captura móbil, orientadas a mellorar os inventarios e a xestión dos recursos forestais. No ámbito da acuicultura, o proxecto ACUIVAC, no que tamén participa GEOTECH, céntrase na automatización da vacinación do rodaballo mediante sistemas robotizados que integran visión artificial e intelixencia artificial, co obxectivo de mellorar a precisión do proceso.
O encontro incluíu un espazo de intercambio entre persoal investigador e representantes empresariais, en liña co obxectivo da convocatoria Nexos: favorecer a cooperación como vía para desenvolver solucións con aplicación directa na industria. Os proxectos presentados contan coa participación de diversas empresas galegas, entre elas Energio Research, Enthalpo Energy Solutions, Industrias Técnicas de Galicia, Feeding Systems, Engranor, Hypnon Programming, Enxeñaría Insitu ou Exeñería Forestal Asefor.
