CINTECX revalida o certificado de calidade AENOR

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) revalidou o certificado de calidade AENOR conseguido en 2022, asegurando a súa vixencia por tres anos máis, ata 2028.

A certificación confirma que CINTECX dispón dun sistema de xestión da calidade conforme coa Norma UNE-EN ISO 9001:2015, un estándar internacional que garante a eficiencia e a mellora continua nos procesos de xestión.

O alcance inclúe a realización de ensaios por microscopía, espectrometría, imaxe, enxeñaría inversa, análise química e caracterización físico-química, así como o servizo de fabricación aditiva e o préstamo de equipos en réxime de autoservizo. Tamén se certifica o servizo de taller mecánico.

Con esta renovación, CINTECX consolida o seu compromiso coa calidade e coa excelencia na investigación e nos servizos tecnolóxicos que ofrece, reforzando o seu papel como referente no ámbito científico e industrial.