Alerta Verde: Salva o teu centro educativo, o escape room de CINTECX para impulsar a divulgación científica

A iniciativa foi seleccionada pola FECYT para recibir financiamento da convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica.

DUVI  10/06/2025

A Universidade de Vigo acaba de conseguir algo máis de 200.000 euros -204.300- de financiamento na convocatoria 2024 da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), destinada a promover entre a cidadanía a cultura científica. Estes fondos permitirán desenvolver sete iniciativas coas que seguir espallando as actividades de fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación por todo o sur de Galicia, algunhas xa clásicas, que cada ano revalidan a confianza da FECYT e o éxito entre o público, con outras que botarán a andar nesta edición dispostas a conquistar o público, sobre todo á rapazada e á mocidade, como o escape room de CINTECX, ‘Alerta Verde’.

Entre os clásicos mantense a aposta polo festival científico CinVigo, organizado polo CINBIO e que cada primavera enche a Porta do Sol de mozas e mozos, aprendices de científicas e científicos expondo os seus proxectos -arredor de 250 nesta última edición-; o plan Ciencia de ida e volta, un gran paraugas impulsado dende a Unidade de Cultura Científica, UCC+i  baixo o que se acollen infinidade de actividades desde o mes de setembro ata xuño nos tres campus; Te lo cuentan las matemáticas, proxecto dirixido a estimular as “vocacións matemáticas” dos nenos e nenas da última etapa de educación primaria e primeiros cursos da ESO, e Paleo en el barrio, ciencia de proximidad, iniciativa liderada desde o CSIC en colaboración coa UVigo e que, nesta edición, a cuarta xa, afondará no pasado paleontolóxico do distrito madrileño de Carabanchel e no concello galego do Porriño.

Misión Cintecx:  un escape-room pensando para o alumnado preuniversitario

Nesta edición incorpóranse tres propostas totalmente novas. Desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, porase en marcha o proxecto Alerta verde: salva o teu centro educativo coa misión Cintecx, unha experiencia educativa inmersiva deseñada como un ‘escape room’ que busca incrementar o coñecemento científico e tecnolóxico en áreas como as enerxías renovables, a sustentabilidade e a economía circular. Con esta iniciativa buscan capacitar ao alumnado preuniversitario mediante retos prácticos, promovendo as vocacións STEM e a resolución de problemas ambientais nos propios centros educativos, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).

Esta experiencia de ‘escape room’ convidará ás persoas participantes a superar retos que simulan fallos nos sistemas do seu centro (estrutura, auga, calefacción, enerxía). Logo, guiados polo persoal de Cintecx, os estudantes organizaranse en rutas para resolver diferentes desafíos que combinan ferramentas avanzadas (drons, xeorradar, impresoras 3D) con solucións innovadoras de sustentabilidade.