A revista científica Nature acaba de facer públicos os resultados dun experimento pioneiro levado a cabo no acelerador GSI-FAIR, en Darmstadt (Alemaña), no que un equipo internacional de investigadores e investigadoras describe unha nova illa de fisión nuclear asimétrica nun cento de sistemas exóticos (non estables), unha cuestión que, segundo explican, pode resultar clave para entender as propiedades do núcleo atómico, así como para coñecer numerosos procesos de interese astrofísico que describen a abundancia dos elementos no universo. O estudo terá múltiples aplicacións, entre elas, contribuír a mellorar a produción de enerxía, o que afecta, por exemplo, á seguridade nas centrais nucleares.
A participación viguesa chegou da man do investigador do Centro de investigación en Tecnoloxía, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, da Universidade de Vigo, Enrique Casarejos, subdirector da Escola de Enxeñería Industrial. Xunto a el formaron parte deste proxecto un amplo equipo de docentes do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, IGFAE, da Universidade de Santiago de Compostela, así como da Universidade da Coruña.
Papel da UVigo no experimento
A UVigo participou no experimento desenvolvendo equipos de instrumentación científica xunto co IGFAE para o experimento R3B, onde se levou a cabo este estudo de fisión único. “A complexidade dos equipos esixe unha gran transversalidade dos equipos de integración involucrando a enxeñeiros e físicos para o seu desenvolvemento e posta punto”, explica Enrique Casarejos, responsable do grupo de investigación en Deseño e Simulación Numérica en Enxeñaría Mecánica do Cintecx. El foi o encargado de coordinar desde 2005 o traballo en R3B, financiado por múltiples proxectos nacionais e consolidando a presenza da Escola de Enxeñería Industrial e do Cintecx en GSI-FAIR.
Segundo explica, o desafío das liñas de traballo requiren métodos de cálculo complexos, materiais técnicos, e a aplicación en contornas de traballo moi esixentes para garantir a resistencia á radiación, estabilidade térmica, alto baleiro, crioxenia, optimización estrutural, etc. e que supoñen un campo con múltiples opcións para desenvolver traballos de investigación e onde xa se desenvolveron dúas teses de doutoramento e múltiples proxectos “feitos con alumnos da escola, algúns no propio GSI-FAIR a través do programa Erasmus”, apunta o investigador, ao que engade que na actualidade hai un alumno da EEI realizando a súa tese o GSI-FAIR, e dous estudantes de grado e mestrado realizaron alí como estudantes Erasmus os seus TFG e TFM.