A UVigo participa no proxecto Facendo 4.0 liderado por Stellantis para deseñar o sector da automoción do futuro

Un proxecto pioneiro en cooperación, no que van da man unha das empresas máis importante de Galicia, Stellantis Vigo, e catro centros de investigación de referencia: a Universidade de Vigo, o CTAG, Gradiant e Aimen. Estes cinco socios conforman o proxecto Facendo 4.0 (Competitividade Industrial e Electromobilidade a través da Innovación e a Transformación Dixital) que ten como obxectivo contribuír a incrementar a competitividade e reforzar o tecido empresarial do sector da automoción de Galicia.

Esta iniciativa forma parte da cuarta convocatoria de axudas do Programa da Fábrica Intelixente da Xunta de Galicia e conta cun orzamento de 22,3 millóns de euros, dos cales 12,2 corresponden a unha axuda da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través de Gain. A planta viguesa de Stellantis acolleu este mércores a presentación do proxecto, un acto que contou coa presenza, entre outros, de Ignacio Bueno, director de Stellantis Vigo; Francisco Conde, conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa xunto coa vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, ademais dos representantes de Gain, Patricia Argerey; Aimen, Jesús Lago; Gradiant, Fernando Jiménez e CTAG, Luis Moreno.