HidroHelix é quen de quentar sen emisións de carbono grazas ao uso do hidróxeno renovable
DUVI 23/01/2024
Un grupo de investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, Cintecx, serán os encargados de probar unha nova caldeira que funciona ao 100% con hidróxeno verde. Deseñada e fabricada polo grupo Ferroli, un referente internacional no mercado da calefacción e a climatización doméstica e profesional, é froito do intenso traballo que esta empresa vén desenvolvendo na procura de sistemas para o confort do fogar con baixos niveis de contaminantes e baixas emisións.
HidroHelix xa foi testada no centro de Investigación e Desenvolvemento que a empresa ten en Italia, pero agora será un equipo do Cintecx, liderado polos investigadores do grupo de Tecnoloxía Enerxética Jacobo Porteiro e David Patiño, o que se encargará de realizar a fase de probas de fiabilidade e durabilidade da caldeira. Para isto teñen xa a súa disposición nas instalacións de Cintecx, como explica Patiño, un dos dous prototipo precomercial, co que traballarán ao longo dos próximos 10 ou 12 meses.
HidroHelix, 100% verde
A liña de traballo do Grupo Ferroli na procura de solucións enerxéticas sustentables vai na liña das políticas fixadas pola Unión Europea na loita contra o cambio climático. Entre outras medidas, a UE aposta pola redución das emisións de gases de efecto invernadoiro polo menos nun 55% de aquí ata 2030 e obriga aos estados membros a explotar, polo menos, un 40% de recursos renovables e a aumentar a eficiencia enerxética nun 32,5%. A nova caldeira do grupo, HidroHelix, é capaz de quentar sen emisións de carbono grazas ao uso do hidróxeno renovable como vector enerxético, facilitando así o cumprimento destes obxectivos, como indican dende a empresa.
De feito, lembran que Ferroli leva “moito tempo investindo no desenvolvemento de sistemas para o confort do fogar con baixos niveis de contaminantes e baixas emisións ao medioambiente e, na actualidade, toda a súa gama de caldeiras murais residenciais de condensación está preparada para funcionar con mesturas de gas natural/hidróxeno renovable en porcentaxes de ata o 80%/20%.