Un director para un centro que dará resposta aos novos retos da cuarta revolución industrial

Como “un gran reto profesional e persoal” cualifica José Luis Martínez Lastra a súa incorporación á dirección do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, xurdido a partir da agrupación estratéxica INEX e no que desenvolverán o seu labor 200 investigadoras e investigadores de 10 grupos. Cun perfil docente e investigador marcadamente internacional, Martínez Lastra centra a súa actividade no ámbito da automatización industrial na Tampere University (Finlandia), “onde conseguín que o meu grupo de investigación fose o que máis fondos europeos recibiu durante o programa marco 7 na totalidade do país”, destaca, quen durante sete anos foi o director dun máster internacional oficial na área de automática, que chegou a acadar preto de 300 solicitudes de estudantes internacionais, “e que hoxe en día é un dos mestrados máis atractivos para os estranxeiros que queren estudar en Finlandia”.

Investigador principal de numerosos proxectos internacionais de convocatorias competitivas; vicepresidente do comité técnico de Industrial Cyber-Phisical Systems; editor asociado para a IEEE Transactions on Industrial Informatics e editor técnico para a IEEE-ASME Transactions on Mechatronics e autor de máis de 151 contribucións na Web of Science (787 citas e índice h=12), son algúns dos méritos académicos e científicos de Martínez Lastra que destaca a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Belén Rubio. “A súa investigación internacional no ámbito da robótica e a automatización de procesos é moi relevante e así foi considerado por avaliadores externos. Ademais a súa capacidade para dirixir equipos humanos e de conectar coa industria europea, fixeron que fose o candidato idóneo e excelente para liderar o Cintecx”, sinala a vicerreitora, que lembra que a súa contratación foi resultado dunha convocatoria aberta e baseada en méritos, publicada en Euraxess.