Transformando biomasa residual das infraestruturas en produtos de alto valor engadido

O proxecto integrará técnicas avanzadas de teledetección e ‘remote sensing’

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, Cintecx, acolleu esta semana o lanzamento do proxecto Biolin (Valorización circular de biomasa en infraestrutura lineal con xestión preditiva e IA), financiado na convocatoria Nexos da Xunta de Galicia e coordinado polo investigador Pedro Arias, do grupo Geotech de Cintecx.

O proxecto, que reúne un equipo multidisciplinar no que participan investigadores e investigadoras de varios grupos da UVigo baixo a coordinación da empresa Ingeneria Insitu, xorde para facer fronte a un reto crecente: a xestión da biomasa que prolifera arredor de infraestruturas críticas como estradas, vías ferroviarias ou instalacións enerxéticas, sobre a que a normativa europea e estatal obriga a manter despexadas as zonas de seguridade.

De residuo a recurso de alto valor engadido

O obxectivo principal de Biolin é converter esa biomasa residual, que adoita tratarse como un residuo e xera elevados custos de mantemento para administracións e empresas xestoras, en produtos de valor engadido, aliñándose cos principios da economía circular. A través dun proceso de transformación, o proxecto propón xerar biochar e ácido piroleñoso, dous compostos con aplicacións en agricultura, mellora de solos, filtración, manufactura sostible ou captura de carbono.

Para acadar este obxectivo, o proxecto integrará técnicas avanzadas de teledetección e remote sensing que permitirán caracterizar con precisión a biomasa dispoñible, identificar a súa tipoloxía e avaliar o seu potencial de valorización. A partir desta información poderase planificar a extracción de forma optimizada, reducindo os custos asociados e mellorando a eficiencia de todo o proceso, desde a retirada ata a transformación en produtos comercializables.

O consorcio está coordinado pola empresa Ingeniería Insitu e conta coa participación de Excavaciones y Desbroces Rocha (A Coruña), especializada en solos técnicos e servizos ambientais. Por parte da Universidade de Vigo interveñen tres grupos de investigación: Geotech responsable da coordinación científica, e Biosuv centrado en bioprocesos e sustentabilidade, ambos pertencentes a Cintecx, xunto co grupo Hidroforest, especializado en xestión forestal e hidroloxía.