‘Q’ de calidade para Cintecx

Apenas unhas semanas despois de recibir o certificado que acredita a implantación neste centro do Sistema de Xestión da Calidade de Aenor respecto aos requisitos da norma UNE-EN ISO 9001:2015, Cintecx acaba de recibir outra distinción que avala a excelencia deste centro de investigación na prestación de servizos e garante que a prestación de ditas tarefas cumpre cos estándares internacionais de xestión de calidade. Falamos do selo Q, unha distinción da propia Universidade de Vigo coa que a institución académica busca visualizar o traballo desenvolvido no ámbito da calidade por facultades, escolas, servizos, laboratorios ou centros de investigación.

“É importante resaltar que a oferta de servicios de Cintecx ten un dobre enfoque: por un lado, proporcionar apoio científico ao desenvolvemento da investigación no noso centro e aos membros da comunidade universitaria, pero tamén, e de xeito moi especial, á industria da nosa contorna”, explica a directora, Concepción Paz Penín, resaltando así a idea de que conseguir o selo “supón un paso adiante no noso posicionamento como socio tecnolóxico do tecido industrial”.