Patricia González, investigadora de CINTECX, gaña a primeira edición de Gargallada Científica da UVigo

O vindeiro xoves participará no café Vitruvia nunha gala final con Quico Cadaval e máis divulgadoras

DUVI  05/12/2025

Empregar o humor sen renunciar ao rigor, e facelo en galego. Esta é a filosofía que impulsa Gargallada Científica, o concurso de monólogos científicos da Universidade de Vigo,  iniciativa que que acaba de coroar a Patricia González Cabaleiro, investigadora predoutoral no grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas, GeoTech, do Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais,  da UVigo, como gañadora da súa primeira edición coa proposta Podería dicir que son.

O xurado, integrado por Andrea Muras Mora, Luís Pena Morandeira e Ana Costa Montes, subliñou no seu fallo “a capacidade de Patricia para fusionar contido científico rigoroso cunha retranca galega moi característica nun vídeo cun guión orixinal e cheo de metáforas divertidas, acompañado dunha coidada calidade técnica e dunha interpretación especialmente salientable”.

En total presentáronse ao certame seis traballos que poden visualizarse a través da canle de Youtube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo. Realizados polos investigadores Mario Soilán Rodríguez, Lorenzo Antonio Justo Cousiño, Fernando Álvarez Álvarez, Celestino Quintela Sabarís e Wendy Fernández Pujó, a decisión final do xurado foi “especialmente complicada” pola alta calidade das propostas presentadas, das que destacaron “unha clara vontade divulgativa acompañada de recursos humorísticos variados e a capacidade de conectar cun público amplo”.

Comedia e ciencia en directo no café Vitruvia o xoves

Como recollen as bases, o premio consiste nun kit audiovisual valorado en 600 euros, pensado para seguir estimulando na premiada a creación de novos contidos divulgativos. A maiores, e como colofón do concurso, o vindeiro xoves, entre as 18.30 e as 20.00 h, a autora participará nunha sesión de ‘solo’ de ciencia no Vitruvia Café de Vigo, unha sesión na que terá a oportunidade de pór en práctica as súas capacidades como monologuista fronte ao público e na que compartirá escenario coas científicas e divulgadoras Ángela Arnosa Prieto e Andrea Muras Mora, así como co actor e director de teatro Quico Cadaval, como convidado especial.

Ángela Arnosa Prieto é química e doutora en Ciencia de Materiais, cunha ampla traxectoria en iniciativas de divulgación científica. Como monologuista, participou na primeira edición do Ciencia Calidade, o primeiro concurso de monólogos científicos en galego, e foi finalista nacional no certame iberoamericano de monólogos científicos Solo de Ciencia. Nesta ocasión interpretará o monólogo Nanopartículas para flipar en cores, co que amosará como materiais tan comúns como o ouro ou a prata poden mudar de cor e comportamento cando se reducen a escala nano.

Pola súa banda, a microbióloga Andrea Muras Mora, finalista en FameLab España e autora do libro La Guerra contra las Superbacterias, falará en As bacterias da miña boca do complexo ecosistema microbiano que habita as nosas cavidades bucais e de como se organizan estes microorganismos para dar lugar á placa dental.

O cartel complétase coa presenza de Quico Cadaval, unha figura esencial do teatro e do humor en Galicia, que en Eureka empregará o seu particular estilo narrativo para explorar a cara máis sorprendente e cómica das grandes ideas científicas.

A actividade é gratuíta pero require inscrición previa e as prazas son limitadas ata completar a capacidade da sala, polo que se recomenda reservar con antelación.