A Universidade de Vigo participa desde este martes e ata o xoves na Feira Internacional da Industria Naval, Navalia 2026, que reúne no Instituto Feiral de Vigo a empresas, entidades e profesionais vinculados ao ámbito marítimo e naval procedentes de todo o mundo. A través da participación dos centros de investigación atlanTTic, CIM e Cintecx, e co apoio da Oficina de I+D, a UVigo amosa en Navalia exemplos de investigación aplicada e proxectos colaborativos que conectan directamente coas necesidades da industria, especialmente en ámbitos relacionados coa transformación dixital, a sustentabilidade e a eficiencia enerxética.
Navalia consolídase unha edición máis como un dos principais encontros europeos do ámbito naval e marítimo, reunindo centos de expositores e delegacións internacionais e convertendo Vigo nun punto de encontro estratéxico para a xeración de alianzas, oportunidades de negocio e proxectos de cooperación internacional. Neste contexto, a presenza da Universidade de Vigo busca reforzar a conexión entre investigación e empresa, promovendo a transferencia de coñecemento e contribuíndo ao desenvolvemento dun sector naval máis innovador, competitivo e sostible.
Solucións tecnolóxicas para un naval máis competitivo e sostible
O stand da UVigo en Navalia reúne iniciativas centradas no desenvolvemento de tecnoloxías avanzadas capaces de impulsar a modernización do sector marítimo-industrial, entre as que destacan aplicacións baseadas en intelixencia artificial, análise de datos, conectividade avanzada, sistemas intelixentes de monitorización e ferramentas dixitais orientadas á optimización de procesos e á seguridade.
Neste ámbito, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) preséntase en Navalia como un socio tecnolóxico clave na transferencia de coñecemento ao sector produtivo, destacando as súas capacidades en ámbitos esenciais para o futuro do sector naval, como as enerxías mariñas renovables e a electrónica de potencia, as novas solucións de propulsión descarbonizada e combustibles mariños sustentables, as xeotecnoloxías aplicadas ao medio marítimo, a modelización e simulación multífísica, os xemelgos dixitais e a intelixencia artificial. O centro tamén avanza en solucións sustentables para o tratamento e valorización de efluentes, así como en técnicas de tratamento láser de superficies e estudo da corrosión, destacando igualmente a súa participación no proxecto europeo Marpower, centrado na descarbonización do transporte marítimo mediante un sistema de conversión enerxética con turbinas de gas alimentadas por combustibles de emisións netas cero, como metano verde, hidróxeno ou amoníaco.
Pola súa banda, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) presenta capacidades orientadas á transformación dixital do sector naval e marítimo, desenvolvendo solucións avanzadas en comunicacións, conectividade, ciberseguridade e sistemas intelixentes aplicados a buques e infraestruturas portuarias. As súas liñas de traballo inclúen tecnoloxías como intelixencia artificial, IoT, 5G e 6G, xemelgos dixitais ou análise avanzada de datos para mellorar a eficiencia operativa e a seguridade marítima, destacando ademais a investigación pioneira en ruído submarino e monitorización acústica mariña, con ferramentas baseadas en IA como ShipsEar, convertida nun referente internacional empregado por centos de grupos e proxectos europeos. O desenvolvemento do software de simulación electromagnética M3, do Grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas e considerado un dos códigos de análise electromagnética máis avanzados do mundo, é outra das propostas de atlanTTic, que acadou o récord mundial en electromagnetismo computacional e foi recoñecido con premios internacionais como o European Union PRACE Award e o Intel Itanium Innovation Award.
No caso do Centro de Investigación Mariña (CIM), este presenta en Navalia o seu potencial como socio científico‑tecnolóxico de referencia para o sector naval e marítimo, con capacidades que abranguen infraestruturas singulares como o buque oceanográfico CIM UVigo, primeiro buque profesional construído en España con propulsión híbrida enchufable; a modelización da dinámica de fluídos e a análise do seu impacto sobre infraestruturas marítimas; o deseño, eficiencia e durabilidade de parques eólicos mariños; a xestión e restauración costeira mediante solucións baseadas na natureza; e o desenvolvemento de ferramentas innovadoras para o seguimento, xestión e protección fronte á contaminación mariña. A participación do CIM incluirá o mércores unha demostración dun sistema de operación remota submarina, cunha conexión en tempo real a un vehículo submarino non tripulado (ROV) operativo no mar a través de rede 5G e vinculado á batea experimental de investigación mariña do centro, situada na ría de Aldán.

