Estudantes de bacharelato de toda Galicia recorren Cintecx nunha nova xornada de portas abertas – 25 de outubro de 2024
Máis dun cento de estudantes de bacharelato tecnolóxico de diferentes centros da comunidade galega tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as instalacións e o traballo de investigación do Centro.
Actividades
Os estudantes de bacharelato dos Institutos de Educación Secundaria Carlos Casares, Rosalía de Castro, Castro de Vigo, Beade e Valadares tiveron a oportunidade de descubrir a actividade investigadora que se realiza nas diferentes áreas do centro, seguindo un divertido itinerario en busca do tesouro. Cada parada no roteiro, ao longo deste percorrido interactivo polas instalacións de Cintecx, achegoulles a un aspecto diferente da investigación científica, con distintas probas e actividades que tiñan que superar para poder continuar o roteiro.
En total, nesta V edición das xornadas, o equipo de Cintecx deseñou un programa de 15 actividades que foron guiadas por unha vintena de científicos e científicas. Así, o alumnado achegouse por exemplo, ao campo da enxeñería biomédica e aos biomateriais, coñeceron os usos que poden ter os recursos mariños con fins biotecnolóxicos e ambientais. Participaron en actividades relacionadas coa xeración de enerxía, as reaccións de combustión ou os xeradores eléctricos, así como experimentaron o procesamento de materiais con láser, coñeceron os procesos de remediación de augas contaminadas e aprenderon sobre a corrosión, termografía infravermella e escáneres 3D, descubriron como funcionan os biosurfactantes e novos compostos biodegradables, e puideron presenciar e experimentar o proceso de montaxe de maquinaria.
O alumnado continuou a súa exploración do centro penetrándose no subsolo, mediante o uso de tecnoloxías avanzadas como o xeorradar e a cámara de alta velocidade, ademais de observar o funcionamento do banco de probas de motor asíncrono e entender o motivo de fenómenos como a cor azul do ceo.