CINTECX e AIMEN unen forzas para visibilizar o liderado feminino na ciencia e a innovación

Trátase de inspirar, con exemplos próximos, as futuras xeracións de científicas e tecnólogas

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, CINTECX, e o centro tecnolóxico AIMEN, con sede en Porriño, unen forzas para celebrar de xeito conxunto a Semana da Muller. Será este xoves a partir das 10.00 horas no propio auditorio do CINTECX nunha xornada bautizada como Mulleres que lideran, un encontro que busca visibilizar o papel das mulleres científicas e promover o liderado feminino na investigación e na tecnoloxía.

Enmarcada dentro do programa de mentoría do Cintecx, dirixido a orientar e apoiar o desenvolvemento académico e profesional dos mozos e mozas investigadoras facilitando o intercambio de experiencias con perfís máis sénior, contarase coa participación de numerosas investigadoras de ambas entidades que compartirán a súa experiencia na xestión e desenvolvemento de proxectos innovadores.

Nun acto presentado pola actual directora de Cintecx, a catedrática Ángeles Sanroman, trátase de dar a coñecer diferentes exemplos de mulleres referentes que inspiren ás futuras xeracións de científicas e tecnólogas, de aí que a iniciativa se dirixa, principalmente, ao persoal investigador predoutoral, estudantes de TFM e TFG, así como a persoas en activo interesadas en coñecer de preto o liderado de mulleres no ámbito científico-tecnolóxico.

Aida Díez e Concepción Paz, dúas mulleres referentes en Cintecx

Desde Cintecx exercerán como referentes as investigadoras Aida Díez Sarabia e a anterior directora do centro, Concepción Paz Penín, distinguida en 2023 co premio María Josefa Wonenburger. Investigadora Ramón e Cajal e membro do grupo de Bioenxeñaría e Procesos Sostibles, Biosuv, Aida Díaz contará a súa experiencia como responsable do proxecto de AXA Fellowship sobre produción de hidróxeno a partir de residuos agroindustriais, así como gañadora en dúas edicións da convocatoria competitiva Cintecx Challenge no ámbito das tecnoloxías industriais.

No caso de Concepción Paz Penín, catedrática da área de Mecánica de Fluidos, desenvolve a súa actividade investigadora dentro do Grupo de Tecnoloxía Enerxética, GTE, onde ten sido investigadora principal en máis de dez proxectos de convocatorias competitivas internacionais, nacionais e autonómicas e liderado máis de corenta contratos de investigación con empresas e/ou entidades públicas. Nesta ocasión, centrará a súa charla en contar a súa experiencia e liderado na coordinación de proxectos de investigación con empresas e centros de investigación.

Afra María Pertusa, Lourdes Blanco e Luz Herrero, en Aimen

Por parte de Aimen contarase con tres mulleres referentes: Afra María Pertusa, Lourdes Blanco e Luz Herrero. As primeiras en intervir serán Afra María Pertusa Llopis, investigadora junior en Advanced Robotics Technologies and Applications, e Lourdes Blanco Salgado, investigadora senior en Advanced Composites Technologies. Abordarán xuntas a evolución da investigación nestes ámbitos e os retos da coordinación de proxectos en diferentes etapas profesionais.

Pola súa banda, Luz Herrero Castilla, coordinadora de Environmental Technologies, exporá a traxectoria de dúas décadas de avances en tecnoloxías ambientais e os desafíos atopados na súa carreira como investigadora e coordinadora.

Para participar, tanto no Programa Mentoring como na xornada Mulleres que lideran, é necesario inscribirse antes do 11 de marzo.