O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) celebrou a xornada inmersiva híbrida “Alerta Verde”, unha innovadora actividade de divulgación científica que reuniu máis de 140 estudantes procedentes de cinco institutos galegos. O alumnado, pertencente a centros educativos de Vilagarcía de Arousa, Baiona, A Guarda, Vigo e Beade, puido coñecer de primeira man a investigación que se desenvolve neste centro da Universidade de Vigo.
A actividade desenvolveuse en formato de escape room híbrido, combinando desde o inicio a exploración presencial das instalacións do CINTECX coa interacción nun contorno virtual a través de dispositivos electrónicos. Esta integración permitiu ás persoas participantes percorrer laboratorios, zonas técnicas e infraestruturas científicas mentres resolvían diferentes desafíos vinculados coa sustentabilidade, a enerxía e a tecnoloxía.
Ao longo do percorrido, o alumnado atopou códigos QR situados estratexicamente en distintos espazos do centro, como laboratorios e equipos científicos. Ao escanealos, accedían a pistas, contidos explicativos e novos retos que lles permitían avanzar na narrativa do xogo, reforzando a conexión entre o contorno real e o virtual e mantendo unha experiencia inmersiva continua.
Rutas científicas gamificadas para resolver unha alerta ambiental
Durante a xornada, as persoas participantes organizáronse en grupos para completar oito retos diferentes, distribuídos nas rutas A e B de “Alerta Verde”. Cada ruta permitiu ao alumnado enfrontarse a desafíos científicos reais, observando e analizando directamente os equipos, sistemas e infraestruturas do centro e aplicando o razoamento científico para resolver as probas propostas.
As rutas A e B incluíron probas relacionadas con liñas clave de investigación do centro, como a análise de combustibles, técnicas avanzadas para a depuración de augas, o uso de láseres na investigación, o funcionamento de sistemas de enerxía solar ou o papel das materias primas críticas na transición enerxética. Tamén coñeceron como se deseñan materiais ecoadsorbentes e como funcionan unha caldeira de hidróxeno e unha pila galvánica.
Ciencia inclusiva para espertar vocacións desde a infancia
A iniciativa “Alerta Verde” incluíu tamén unha vertente de ciencia inclusiva. No marco das xornadas de portas abertas, o xoves 16 de abril o CINTECX recibiu preto de 30 nenos e nenas da Fundación Secretariado Xitano de Vigo, con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, nunha actividade deseñada para achegar a ciencia a colectivos con menor acceso a este tipo de experiencias.
Repartidos en dous grupos, os máis pequenos puideron coñecer como funciona un dron, descubrir os segredos da combustión e experimentar cos procesos de depuración de augas residuais, mentres o persoal investigador do centro respondía ás súas preguntas, espertando a curiosidade científica tanto de pequenos como de maiores.
Pola súa banda, o grupo de maior idade participou en actividades vinculadas ás liñas de investigación do centro, como materias primas críticas, pila galvánica, sistema fotovoltaico e caldeira de hidróxeno, onde tiveron que resolver diferentes enigmas para completar a ruta, seguindo a mesma dinámica inmersiva do escape room.
“Alerta Verde” é un proxecto financiado pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), co apoio dos fondos FEDER, e forma parte do compromiso do CINTECX por promover unha ciencia aberta, accesible e inclusiva, capaz de chegar a públicos diversos e de espertar vocacións científicas desde idades temperás.
































