Calendario CINTECX: Agosto con Amanda Franco

“A muller achega visións e solucións únicas, aportando diversidade e enriquecendo a investigación”, Amanda Franco

Traballo no cálculo de parámetros de combustión de biomasas non convencionais e no deseño dun sistema de captura de mostras gasosas de combustión para análise de composición por cromatografía.

Creo que a investigación satisfai a curiosidade innata do ser humano e achega información nova e necesaria para desenvolver novas ideas que axuden a mellorar a nosa experiencia vital.

A investigación cambiou a miña visión das cousas e o xeito de solucionar os problemas. É sorprendente como unha solución a un problema concreto é extrapolable a moitas outras cuestións que xorden durante a nosa carreira científica, abrindo os nosos horizontes.

O meu traballo axuda a mellorar a economía circular detectando e achegando solucións para focos de contaminación que prexudican ao ser humano e ao medio ambiente.

Ás mozas diríalles que o máis estimulante da investigación é que é calquera cousa menos monótona. Sempre estás investigando temas novos, intentando solucionar obstáculos diferentes que se che van presentando no camiño.

Consulta o calendario ilustrado de CINTECX coas experiencias e motivacións de 12 investigadoras do centro: Calendario Igualdade-CINTECX 2025