CINTECX dedica o mes de novembro a Ana Belén Moldes Menduiña, catedrática de Enxeñería Química da Universidade de Vigo e investigadora do centro. A súa chegada á investigación produciuse ao cabo da licenciatura, cando descubriu unha forma de traballar que espertou a súa curiosidade e acabou definindo a súa carreira profesional. Este ano foi recoñecida entre as científicas máis citadas de España na clasificación do CSIC de 2026.
Non tivera claro desde o principio que quixese dedicarse á investigación. Foi o profesor Juan Carlos Parajó Liñares, un dos docentes que máis influíu na súa formación, quen a animou a considerar esta saída profesional. A confianza que depositou nela axudoulle a dar o paso e, despois, tivo a oportunidade de seguir formándose e traballando ao seu lado.
Un dos retos dos seus primeiros anos foi construír unha traxectoria en Enxeñería Química a partir dunha formación inicial en Tecnoloxía de Alimentos. Para facelo, tivo que profundar nun campo distinto ao dos seus estudos e continuar formándose. Hoxe, como catedrática, considera que a súa experiencia pode servir de referencia a quen comeza unha tese nunha área diferente á da súa titulación. «Cambiar de área non ten por que ser unha limitación; pode ser incluso unha vantaxe», afirma.
Biosurfactantes e novos antibióticos
Ana Moldes codirige, xunto co catedrático José Manuel Cruz, o grupo de investigación EQ10, que traballa en dúas liñas. Unha céntrase na produción de biosurfactantes a partir de correntes e subprodutos industriais; a outra, na obtención de novos antibióticos baseados en análogos de gramicidina.
O grupo combina biotecnoloxía, enxeñería ambiental e sustentabilidade para desenvolver formulacións máis biocompatibles con aplicacións cosméticas, farmacéuticas e agroquímicas, achegando os seus resultados ao mercado mediante proxectos de proba de concepto.
As estancias de investigación no estranxeiro tamén marcaron a súa traxectoria. Hai case trinta anos, traballou nun centro de referencia do Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (USDA). Aquela experiencia permitiulle coñecer outras contornas científicas e comprobar que a investigación española estaba ao nivel da que se desenvolvía en centros internacionais de prestixio.
O tempo para investigar
Ana Moldes considera que a curiosidade e o entusiasmo forman parte do traballo científico, aínda que recoñece que a investigación pode dificultar a desconexión ao terminar a xornada. Para compatibilizala coa vida privado, destaca a importancia de organizar o tempo con certa flexibilidade e contar co apoio da contorna. No seu caso, o respaldo do seu equipo, do seu marido e da súa familia foi especialmente importante durante a etapa posdoctoral e a maternidade.
Sobre as posibles barreiras para progresar na carreira científica, a súa experiencia en Enxeñería Química foi distinta da que se describe noutros ámbitos. Afirma que non sentiu que ser muller limitase as súas oportunidades profesionais. Tamén recoñece que outras persoas poden vivir situacións diferentes e defende que as desigualdades deben analizarse tendo en conta as características de cada sector.
A súa principal preocupación sobre o futuro da profesión investigadora ten que ver coa acumulación de responsabilidades. Alén de investigar e publicar, o persoal científico debe dedicar cada vez máis tempo a xestionar proxectos, buscar financiamento, comunicar resultados e traballar na súa transferencia. Para Ana Moldes, estas tarefas teñen valor, pero existe o risco de que resten tempo á investigación.
«Deberiamos recuperar as raíces do que significa investigar», sostén. Reivindica tempo para pensar, experimentar, equivocarse e revisar hipótese, sen perder de vista o rigor científico. A comunicación e a transferencia son necesarias, pero considera que os profesionais especializados nestes ámbitos poden complementar o traballo de quen investiga.
A quen se expón iniciar unha carreira científica, recoméndalles « coñecer ben a profesión antes de decidirse e ter curiosidade, ganas de aprender e disposición para saír da zona de confort». Tamén destaca «a importancia de traballar en equipo, porque os avances científicos son froito do esforzo colectivo».
