Preto de 350 estudantes de trece colexios e institutos da localidade presentan na Escola de Enxeñaría Forestal os resultados das investigacións que realizaron nos últimos meses, diante duns comités integrados por preto dunha trintena de investigadores e investigadoras da UVigo e do CSIC. Fano na XIII Feira da Miniciencia, evento final do programa Pontenciencia, promovido polo Concello de Pontevedra, co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e co apoio, entre outros, da Vicerreitoría do campus de Pontevedra. Tras promover 43 obradoiros nos diferentes centros educativos, a 13 edición deste programa dirixido a achegar o método científico ao alumnado de primaria e secundaria complétase este venres e sábado cunha feira que combina a presentación de máis de 27 investigacións con máis dunha vintena de talleres e actividades divulgativas.
A investigación sobre instrumentos musicais e sobre a obra de Alfonso X o Sabio do alumnado do CEIP A Xunqueira, o estudo sobre os organismos existentes na auga do colexio Calasancio ou a análise da cantidade de azucre presente nas bebidas do CEE Pontevedra son tres dos once proxectos realizados por estudantes de oito centros de primaria, na categoría de Ciencia no Cole. Na mañá deste venres, correspondeulles presentar o seu traballo aos e ás integrantes dos comités científicos, presididos pola profesora da EE Forestal Purificación Marcet, dando inicio a dous días de actividade no centro. Do mesmo xeito, tamén amosaron os resultados dos seus experimentos ao concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, e á directora da escola, Ángeles Cancela, na visita inaugural dun evento que se clausura no mediodía deste venres coa entrega de premios aos mellores proxectos nas diferentes categorías.
“A nosa misión como Universidade é servir á sociedade, polo que estamos encantados de ceder os nosos espazos para calquera tipo de evento, pero máis para un que ten que ver coa ciencia”, salientaba Cancela, que puña o foco no valor de Pontenciencia para que nenos e nenas poidan tanto coñecer as instalacións no centro como “as investigacións que se fan aquí”. Do mesmo xeito, a directora da EE Forestal destacou tamén o potencial desta actividade como “unha forma de darlle visibilidade á ciencia entre as nenas”, nun contexto no que “cada vez hai menos” alumnas “que queiran estudar carreiras de ciencias e tecnolóxicas”. Nese senso, tanto as presentacións como os diferentes talleres que se desenvolven nestas dúas xornadas no centro supoñen “unha boa forma de incentivalas desde pequenas e de que que coñezan as metodoloxías científicas e como se traballa na ciencia”.
Dúas xornadas para achegarse á ciencia
A programación desta Feira da Miniciencia complétase con máis dunha vintena de talleres e actividades divulgativas, que na mañá deste venres estaban dirixidos ao estudantado dos colexios participantes, mentres que as propostas previstas para este sábado estarán abertas ao conxunto da cidadanía. Entre elas atópanse tamén varias iniciativas protagonizadas por persoal investigador da UVigo, como o taller que nesta xornada amosou ao alumnado os traballos que na EE Forestal levan a cabo tanto empregando tanto imaxes dos satélites Sentinel como tecnoloxía LiDAR, da man da profesora Julia Armesto. Tamén nesta xornada, as e os participantes puideron coñecer, dun xeito práctico, diferentes aplicacións dos estudos que se imparten na Escola de Enxeñería Industrial, mentres que o sábado será posible coñecer o labor da asociación estudantil UVigo Space Lab.
Así mesmo, este evento permitiu tamén ao estudantado coñecer os retos do escape room científico Alerta Verde, promovido polo Cintecx grazas á financiación da FECYT, e dirixido a que nenos e nenas se convertan en inspectores enerxéticos e resolvan os problemas ambientais dos seus centros educativos. Así mesmo, a feira conta tamén coa participación do alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), que protagonizará tres dos obradoiros programados para este sábado, Todo é ciencia, Quebracabezas científico e O ximnasio da mente.
