Aida Díez, nova subdirectora de CINTECX: “Gustaríame impulsar o crecemento e o recoñecemento do centro”

A investigadora do grupo BIOSUV incorpórase á dirección co obxectivo de dar maior visibilidade á actividade investigadora e fomentar a colaboración entre grupos.

Vinculada a CINTECX desde 2016, Aida Mª Díez Sarabia asume a subdirección do centro como un novo reto profesional no ámbito da xestión e o liderado. Afronta esta etapa con ilusión e co propósito de contribuír ao desenvolvemento do centro, achegando a súa actividade investigadora á sociedade e ao tecido empresarial.

Para a nova subdirectora, a principal fortaleza de CINTECX son as persoas que o integran, tanto o persoal investigador como o de xestión. Para esta nova etapa, considera prioritario mellorar a visibilidade das súas capacidades, fortalecer os servizos e favorecer novas colaboracións entre os grupos do centro e con outras institucións e empresas. «Gustaríame fomentar a colaboración entre os grupos de CINTECX e aumentar a visibilidade e o recoñecemento do centro, poñendo en valor as capacidades e o traballo que desenvolvemos», sinala.

Unha traxectoria ligada á bioinxeñaría e ao hidróxeno verde

No ámbito investigador, Aida Díez destaca liderar varios proxectos como investigadora principal, alcanzar a estabilidade profesional na Universidade de Vigo e impulsar unha nova liña de investigación no seu grupo de orixe, BIOSUV, centrada na produción de hidróxeno verde.

Esta experiencia investigadora será parte da súa achega a unha etapa na que busca contribuír ao desenvolvemento de CINTECX, favorecer o traballo conxunto entre os seus grupos e dar maior proxección á actividade científica e tecnolóxica que se realiza no centro.