CINTECX acolleu o pasado 29 de abril a lectura da tese doutoral de Ahmed Mossad Ibrahim Elseicy, investigador no ámbito da enxeñaría civil, que presentou un traballo centrado no uso de técnicas de deep learning para mellorar a análise do estado dos pavimentos. A defensa tivo lugar no auditorio do centro, dentro do programa de doutoramento Xeotecnoloxías Aplicadas á Construción, Enerxía e Industria.
Baixo o título Deep Learning-based interpretation of ground penetrating radar for pavement condition monitoring, a investigación integra a enxeñaría de infraestruturas e a intelixencia artificial. O traballo parte do uso do radar de penetración terrestre (GPR), unha técnica non destrutiva habitualmente empregada para analizar o interior dos pavimentos, e aborda un dos seus principais retos: a complexidade e o tempo que require interpretar correctamente os datos obtidos.
A tese, dirixida por Henrique Lorenzo Cimadevilla e Mercedes Solla Carracelas, propón novos métodos para automatizar ese proceso de interpretación, reducindo a dependencia da análise manual e aumentando a fiabilidade dos resultados. Para iso, Elseicy adestra modelos de aprendizaxe profunda capaces de recoñecer patróns, identificar capas estruturais e detectar deterioros invisibles a simple vista.
Do radar aos modelos dixitais das infraestruturas
De maneira similar a como unha persoa aprende a identificar obxectos en imaxes, os modelos desenvolvidos por Elseicy aprenden a diferenciar capas do pavimento, detectar danos internos ou localizar anomalías que non son visibles a simple vista.
Un dos avances máis destacados é a capacidade de transformar eses datos en modelos dixitais, mapas do estado do firme e representacións tridimensionais que facilitan a súa interpretación, permitindo obter unha visión clara do estado real da infraestrutura.
A vantaxe que ofrecen estas ferramentas é a variedade de aplicacións directas que permiten tanto en estradas como en pontes, facilitando a localización de deterioros incipientes ou elementos estruturais ocultos, como reforzos, sen necesidade de intervir fisicamente sobre a estrutura. A investigación de Elseicy permite mellorar a planificación do mantemento, optimizar recursos e aumentar a seguridade, anticipándose a problemas estruturais e facilitando a toma de decisións sobre o mantemento de infraestruturas.

