A UVigo implícase na valorización e aproveitamento da biomasa como recurso estratéxico na eurorrexión

Restos de podas forestais, de vides, de plantacións de kiwis ou tamén toxos ou xestas constitúen un recurso abundante, pero non valorizado que, non obstante, pode ser aproveitado como biomasa. Para valorizar e aproveitar este recurso na contorna da eurorrexión Galicia-norte de Portugal acaba de poñerse en marcha o proxecto BiomasaCap, Capitalización das capacidades de I+D no uso enerxético da biomasa non valorizada de alto potencial. Trátase dunha iniciativa liderada por EnergyLab da que a Universidade é socia, xunto con Feuga, o Inega, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e o Instituto de Ciência e Innovação em Engenharia Mecânica e Engenharia Industrial.

Por parte da UVigo, é o Grupo de Tecnoloxía Enerxética o que está implicado, co profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos David Patiño á fronte. O obxectivo do proxecto é avanzar na valorización e aproveitamento da biomasa como unha “oportunidade estratéxica para un crecemento e desenvolvemento sostible tanto a nivel económico e tecnolóxico, como social e medioambiental no territorio transfronteirizo.