CINTECX recibe a visita dunha delegación de VILNIUS TECH para explorar novas oportunidades de colaboración

As representantes da universidade lituana percorreron os laboratorios do centro e coñeceron algunhas das súas principais liñas de investigación no marco dunha visita á UVigo.

De izquierda a derecha: Uxía Vázquez,

O CINTECX recibiu este mércores a visita dunha delegación da Universidade Técnica de Vilnius (VILNIUS TECH), unha das principais institucións tecnolóxicas de Lituania, integrada por Vita Urbanavičienė, responsable de proxectos europeos, e Violeta Šniokienė, directora do departamento xurídico encargado dos acordos de propiedade intelectual. Da man do director do centro, David Patiño, as representantes da institución lituana, acompañadas tamén por Uxía Vázquez Ferreiro, da Oficina de I+D da Universidade de Vigo, percorreron as instalacións e coñeceron de preto algunhas das súas principais capacidades científicas e tecnolóxicas.

A visita forma parte dunha estadía de tres días na Universidade de Vigo, organizada pola Oficina de I+D. A relación entre ambas as institucións enmárcase na alianza europea ATHENA e reforzouse a raíz da participación de VILNIUS TECH nunha proposta europea presentada recentemente, From lab to market: Strengthening the role of Technology Transfer Offices in bringing knowledge to the market, centrada no fortalecemento do papel das oficinas de transferencia de tecnoloxía na valorización e na chegada ao mercado do coñecemento xerado nas universidades.

Durante a súa estadía na UVigo, as representantes de VILNIUS TECH coñeceron distintos servizos e estruturas de apoio á investigación e á transferencia de coñecemento, ademais de visitar algúns dos principais centros de investigación da universidade. A xornada no CINTECX permitiulles achegarse á actividade científica do centro a través da visita a varios laboratorios e do contacto directo co persoal investigador.

Intereses compartidos en fabricación avanzada, materiais e enerxía

A elección do CINTECX como unha das etapas da visita responde á afinidade existente entre as áreas de traballo de ambas as institucións. VILNIUS TECH conta cunha destacada traxectoria en ámbitos como a fabricación avanzada, os novos materiais, a mecatrónica, a dixitalización industrial, as tecnoloxías enerxéticas ou o transporte sostible, campos que presentan numerosos puntos de encontro coas liñas de investigación desenvolvidas no centro da UVigo.

O encontro tamén serviu para intercambiar experiencias e identificar posibles ámbitos de colaboración entre persoal investigador de ambas as institucións en áreas como os materiais sostibles, a optimización de procesos industriais, a automatización e o mantemento preditivo, así como en tecnoloxías vinculadas á descarbonización e ao hidróxeno verde.

Máis alá de coñecer o funcionamento e as capacidades dos distintos centros visitados, a estadía permitiulle á delegación lituana establecer contactos co persoal investigador da Universidade de Vigo e explorar posibles colaboracións en futuras iniciativas europeas de investigación e innovación.