A VII Xornada de Ciencia Aberta Cintecx 2026 pechou a súa edición máis multitudinaria ata o momento. Preto de 700 persoas participaron ao longo do venres 6 de novembro nas actividades organizadas polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, que este ano saíu por primeira vez das súas instalacións para levar a súa investigación ao Tinglado do Porto de Vigo.
Baixo o lema Investigación que conecta a túa cidade, a xornada reuniu durante todo o día a estudantes, familias e público de diferentes idades arredor dunha programación deseñada para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade dun xeito práctico, visual e participativo.
Máis de 35 investigadores e investigadoras de CINTECX implicáronse na iniciativa, mostrando a través de stands, demostracións e experiencias divulgativas parte da investigación que desenvolven no centro.
Máis de 250 estudantes participaron na busca do tesouro científica
Durante a mañá, CINTECX recibiu a oito centros educativos procedentes de Vigo, A Guarda e Santiago de Compostela, reunindo a máis de 250 estudantes de Secundaria e Bacharelato.
Divididos en dúas quendas, o alumnado participou nunha busca do tesouro científica que os levou a percorrer as diferentes propostas instaladas no Tinglado. Para conseguir os selos do seu pasaporte científico tiveron que superar actividades, experimentos e preguntas relacionadas coa investigación desenvolvida no centro.
Ao longo da mañá puideron descubrir, entre outras cuestións, como o xeorradar, a intelixencia artificial e a realidade mixta permiten estudar o estado das infraestruturas; como as tecnoloxías espaciais axudan a analizar os bosques; ou por que as baterías e o almacenamento de enerxía son fundamentais para aproveitar as fontes renovables. Tamén experimentaron con termografía infravermella, combustión, biomateriais, minerais, novos materiais ou simulación de condución.
Máis de 445 persoas achegáronse á ciencia durante a tarde
A partir das 17.00 horas, o Tinglado abriu as actividades a toda a cidadanía e rexistrou unha asistencia que superou as previsións, con máis de 445 persoas entre nenos, nenas, persoas adultas e familias. Entre os grupos asistentes estiveron tamén membros da Asociación Inventiva e do Centro Xuvenil Abertal.
Durante tres horas, o público puido percorrer libremente os diferentes stands, experimentar con lapis de impresión 3D, probar experiencias de realidade virtual, descubrir o videoxogo Alerta Verde: Salva o teu centro coa misión Cintecx, aprender a identificar noticias falsas con Kill the Bulo ou experimentar co magnetismo e as sorprendentes propiedades dos materiais, entre outras propostas.
A sesión de tarde contou tamén con outros dous pases do show científico de Ceo Aberto, completando unha programación que buscou demostrar que a ciencia e a enxeñaría forman parte de moitos aspectos da vida cotiá.
O récord de participación acadado nesta sétima edición consolida a Xornada de Ciencia Aberta como unha das principais iniciativas de divulgación de Cintecx e reforza a aposta do centro por achegar á sociedade a investigación desenvolvida nas súas diferentes áreas tecnolóxicas.
A iniciativa conta co financiamento da Xunta de Galicia e dos fondos europeos Feder, no marco de Cintecx como centro colaborativo da Rede Cigus.





