Leandro Alejano recibe a Medalla Isidro Parga Pondal da Real Academia Galega de Ciencias

En recoñecemento á súa traxectoria no ámbito da enxeñería mineira e da mecánica de rocas

O investigador do grupo Xestión Segura e Sostible de recursos Minerais (GESSMIN) de CINTECX Leandro Alejano Monge recibiu a Medalla Isidro Parga Pondal, que concede a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) en recoñecemento á súa traxectoria científica e ao seu traballo no ámbito da enxeñería mineira e pola súa contribución á mellora da seguridade nas explotacións mineiras.

A entrega tivo lugar este xoves no salón nobre do Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, durante o acto organizado pola RAGC con motivo do Día dá Ciencia en Galicia, dedicado este ano á oceanógrafa Aida Fernández Ríos. Alejano recibiu a medalla de mans do vicerreitor de Investigación da Universidade de Vigo, Manuel Martínez Piñeiro.

Unha traxectoria vinculada á mecánica de rocas

O recoñecemento pon en valor a traxectoria de Alejano no ámbito a enxeñería mineira e civil. Ao longo da súa carreira na Universidade de Vigo impulsou o Laboratorio de Mecánica de Rocas John Harrison e desenvolveu metodoloxías para mellorar a seguridade nas explotacións mineiras, alén de participar en estudos sobre ladeiras afectadas por incendios e sobre a explotación romana de ouro nas Medulas, en colaboración co CSIC.

Durante o acto, o presidente da RAGC, Juan Lema, destacou que “o coñecemento da mecánica das rochas resulta fundamental para a seguridade das explotacións mineiras, das grandes obras civís e de numerosas intervencións sobre o territorio”, e sinalou que a traxectoria de Alejano conxugou investigación, desenvolvemento metodolóxico e aplicación práctica.

O catedrático da UVigo agradeceu o recoñecemento e aproveitou a súa intervención para reivindicar o valor da minería e a importancia da investigación e o coñecemento científico para afrontar os retos asociados a esta actividade.

A Medalla Isidro Parga Pondal concedida a Leandro Alejano forma parte dos cinco recoñecementos entregados este xoves pola RAGC. Xunto ao investigador de CINTECX foron distinguidos Rosa Crujeiras, catedrática de Estatística e Investigación Operativa e reitora da USC; Mabel Loza, catedrática de Farmacoloxía e directora do CiMUS; Francisco Rivadulla, catedrático de Química Física e investigador do CiQUS; e Sebastian Villasante, profesor de Economía Aplicada e investigador do Cretus.