O proxecto de Jesús Vence e Antonio Diéguez, gañador da II Edición Challenge 2026

O Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) resolveu a concesión da financiación correspondente á segunda edición da súa convocatoria interna CINTECX CHALLENGE 2026, unha iniciativa que busca promover a colaboración científica entre os grupos do centro para abordar retos tecnolóxicos actuais.

A proposta seleccionada nesta edición é Caracterización termo-electroquímica de celdas de batería en función do seu grao de envellecemento (EC-ThermoBAT), liderada por Jesús Vence Fernández do grupo GTE e Antonio Diéguez Vázquez do grupo ENCOMAT, e contará cunha financiación de 10.000 euros.

Investigación clave para o futuro da enerxía

O proxecto EC-ThermoBAT centrarase na análise avanzada do comportamento das celdas de batería a medida que envellecen, combinando enfoques térmicos e electroquímicos. Este tipo de caracterización resulta fundamental para comprender como evoluciona o rendemento das baterías co uso, unha cuestión clave nun contexto de crecente electrificación e transición enerxética.

O coñecemento xerado permitirá identificar patróns de degradación, optimizar o uso dos sistemas de almacenamento e mellorar tanto a seguridade como a eficiencia de tecnoloxías amplamente empregadas, desde vehículos eléctricos ata sistemas de almacenamento de enerxías renovables.

A convocatoria CINTECX CHALLENGE forma parte do Plan Estratéxico do centro e constitúe unha das súas principais ferramentas para impulsar a ciencia de excelencia e a colaboración interdisciplinar. Esta iniciativa articúlase como unha convocatoria anual de axudas en réxime de concorrencia competitiva, orientada a fomentar proxectos de I+D conxuntos entre os distintos grupos de investigación integrados en CINTECX, e está cofinanciada con Fondos Europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, que promove a internacionalización da investigación e a transferencia de coñecemento.