O investigador Jesús Vence, do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX), foi recoñecido co Best Paper Award na sexta edición do International Conference on Fluid Flow and Thermal Science (ICFFTS 2025), celebrada en Barcelona entre os días 28 e 31 de outubro. A súa participación neste congreso internacional, un dos máis relevantes no ámbito da enxeñaría térmica e de fluídos, foi posible grazas ás axudas á mobilidade concedidas por CINTECX, financiadas con fondos FEDER, que promoven a internacionalización da investigación e a transferencia de coñecemento.
Mellora da xestión térmica en baterías
O traballo premiado, Analysis of the ideal micro-channel count and contact height of wavy cold plates for efficient single-sided cooling of cylindrical cells, céntrase na mellora da xestión térmica de baterías formadas por celdas cilíndricas, un aspecto clave para garantir a seguridade, eficiencia e durabilidade dos sistemas de almacenamento enerxético, especialmente en aplicacións como a mobilidade eléctrica.
O estudo presentado por Jesús Vence, investigador do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas (GTE) de CINTECX, analiza mediante simulacións numéricas como dous factores —o número de canais na placa de refrixeración e a altura de contacto coa celda— inflúen no rendemento térmico, no comportamento hidráulico e no peso do sistema.
Cando unha batería funciona —especialmente en condicións esixentes como a carga rápida ou o uso intensivo— xera calor. Se ese calor non se disipa correctamente, pode afectar ao seu rendemento, reducir a súa vida útil ou mesmo provocar fallos. Para garantir a seguridade e eficiencia da batería, empréganse sistemas de refrixeración que permiten manter a temperatura baixo control.
O traballo de Vence propón mellorar a refrixeración destas baterías mediante placas frías con microcanais, unha especie de “radiador” en miniatura que se coloca en contacto coa batería. Esta solución intelixente permite optimizar o deseño das placas para que arrefríen mellor, pesen menos e funcionen de forma máis eficiente. Este tipo de optimización non só mellora o rendemento da batería, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento de tecnoloxías máis lixeiras, seguras e sostibles, especialmente en aplicacións de alta demanda enerxética.
A participación neste congreso internacional foi posible grazas ás axudas á mobilidade concedidas por CINTECX, cofinanciadas con Fondos Europeos no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027, que promoven a internacionalización da investigación e a transferencia de coñecemento.



