O investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, Ignacio Pérez Rey, membro do grupo GESSMin (Xestión Segura e Sostible de Recursos Minerais), vén de ser distinguido co “Young Rock Engineer Award” 2025, un recoñecemento outorgado pola Sociedade Internacional de Mecánica de Rochas e Enxeñaría de Rochas (ISRM).
O premio foi entregado durante o congreso EUROCK 2025, celebrado na cidade de Trondheim (Noruega). Este galardón recoñece a excelencia de profesionais novos que destacan polas súas achegas innovadoras á enxeñaría, o uso pioneiro de novos métodos e materiais, así como o seu compromiso coa sustentabilidade e coa promoción da profesión.
Especializado no estudo da resistencia á tracción e a deformabilidade das rochas, Pérez Rey desenvolveu unha destacada traxectoria investigadora no ámbito da enxeñaría xeotécnica. En 2024 xa fora recoñecido, xunto co profesor Leandro Alejano, co Premio Internacional Giovanni Barla ao mellor artigo científico de 2023, por un estudo sobre estruturas xeolóxicas singulares, entre elas a emblemática Pena do Equilibrio de Ponteareas.
Pérez Rey lidera ademais o proxecto TRACONROC, un dos tres proxectos gañadores na última convocatoria do CINTECX CHALLENGE, centrado na análise do comportamento mecánico das rochas en tracción confinada, xunto con Leandro Alejano Monge e Xian Estévez Ventosa, tamén do grupo GESSMin.
O líder de TRACONROC foi tamén un dos impulsores da recentemente estreada iniciativa “Menas metálicas ao microscopio“, un museo virtual que pon ao alcance do público as 200 especies minerais máis abundantes na codia terrestre. Esta iniciativa contou coa participación de varios investigadores e investigadoras de CINTECX pertencentes ao grupo de innovación docente Xeoda da Universidade de Vigo. Trátase dunha adaptación ao formato dixital do libro A practical guide to ore microscopy – Volume I and II, escrito polo catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid Ricardo Castroviejo e publicado pola editorial Springer en 2023.
Este novo recoñecemento consolida a Ignacio Pérez Rey como unha das figuras emerxentes máis destacadas no ámbito da enxeñaría de rochas a nivel internacional, e pon en valor o traballo de excelencia que se desenvolve desde CINTECX.