Xornadas de creatividade e innovación para un futuro máis sostible

Entre outras cuestións, abordarán como a investigación pode transformar procesos contaminantes

DUVI PONTEVEDRA |Afondar en como a través da investigación, da innovación e do pensamento creativo multidisciplinar é posible construír un futuro máis sostible. Ese é o obxectivo das xornadas que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo promove o vindeiro mércores 24 na sede da Vicerreitoría do campus, no marco do programa de divulgación científica Ciencia de ida e volta, que a Universidade desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt). Dirixido a conmemorar o Día Mundial da Creatividade e da Innovación, celebrado o pasado 21 de abril, diferentes investigadoras da UVigo serán as protagonistas dun evento que se desenvolverá entre 18.30 e as 20.30 horas. A través de tres conferencias, as xornadas porán o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.

Aberta ao público, con inscrición previa ata completar a capacidade da sala […]

Finalmente, a xornada pecharase coa conferencia Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, a cargo de Aida María Díez, do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (Biosuv), pertencente ao Cintecx. Díez Sarabia abordará na súa intervención dúas das liñas de traballo deste grupo, a centrada nos “procesos de absorción”, o uso de materiais porosos para reter elementos contaminantes que poidan atoparse en augas residuais, e a dedicada os “procesos de xeración de hidróxeno, centrados na rotura da electroquímica da auga para producir este combustible non contaminante”. En ambos casos, explican desde a UCC+i, o grupo busca que estes materiais “teñan base de carbono e nitróxeno” e sexan libres de metais, coa idea de reducir a contaminación asociada a estes. Deste xeito, este terceiro relatorio buscará incidir en como a innovación permite ”que procesos tradicionais altamente contaminantes poidan reinventarse e ser máis eficientes e sostibles”.