Convocatoria
Desde o día 10 de novembro e ata o 13 de decembro de 2021 estará aberta a convocatoria para participar no CINTECX Challenge 2022, o concurso anual de axudas na modalidade de concorrencia competitiva para o desenvolvemento de proxectos de I+D colaborativos entre os diferentes grupos de investigación integrados no Centro de Investigación de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais.
Como cada ano, a modalidade de concurso idea+proxecto estará vinculado ao ámbito das Tecnoloxías Industriais sendo de temática libre nesta edición. Con iso buscamos un gran número de proposicións de alto valor por parte dos Grupos de Investigación do centro en forma de proxectos colaborativos. Ademais neste Challenge, a asignación para financiar a implementación da idea gañadora será de 15.000,00 €, computando como prazo para a execución dos proxectos do 01/02/2022 á 31/12/2022.
Requisitos das solicitudes
- Os integrantes do equipo de investigación deben ser membros do Centro de Investigación de Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) no momento de presentación da solicitude.
- Deben contar coa participación de polo menos 2 investigadores, de polo menos dous grupos de investigación de CINTECX (un ou dous dos cales actuarán como IPs) co fin de aumentar o grao de cohesión entre os investigadores do Centro. A proposta deberá contar co visto e prace dos coordinadores dos seus grupos de investigación aos que pertenza o equipo investigador.
- A proposta presentada debe estar aliñada coas áreas tecnolóxicas e as liñas prioritarias da axenda científica do CINTECX e contribuír á proxección e visibilidade do centro.
Como xa vén sendo costume, estas accións están contempladas dentro do Plan Estratéxico de CINTECX, axudando no compromiso para o cumprimento dos seus obxectivos estratéxicos. Ademais, un compoñente importante do desafío é chegar á audiencia xeral, polo que os resultados do desafío presentaranse no evento anual denominado “Ciencia Singular” promovido polas autoridades locais.
Consulta a convocatoria completa
Resolución
O centro de investigación CINTECX acaba de facer pública a resolución da convocatoria CHALLENGE-2022.
Esta terceira convocatoria tivo tamén unha grande acollida por parte dos investigadores do centro. Presentáronse dúas propostas que involucran a seis dos dez grupos do centro e que contan cunha grande calidade científica e impacto social, unha na liña de aplicación de tecnoloxías para a conservación do patrimonio cultural e outra no ámbito da enxeñería biomédica.
Consulta a Resolución Challenge-2022
Vídeo
Desenvolvemento de dispositivo biomédico 3D quentable para control antibacteriano.
A día de hoxe, o diagnóstico e tratamento das infeccións bacterianas supoñen un gran reto no ámbito biomédico, sendo especialmente relevantes as infeccións asociadas a implantes articulares e tecido dental.
A hipertermia (aumento da temperatura corporal) preséntase como unha alternativa para explorar e varios estudos mostraron a súa eficacia ante patóxenos infecciosos e cepas resistentes a medicamentos.
Entre os métodos para inducir hipertermia leve (<42ºC) en tecidos vivos, resalta a radiación láser no rango VIS-NIR, que se basea en expoñer un material fotosensible a esa radiación inducindo un quecemento en remoto e unha hipertermia local controlada no tecido en contacto. Un destes materiais fotosensibles con forte absorción na rexión do infravermello é o óxido de grafeno que presenta outras características de gran interese no campo dos biomateriales.
Co auxe das tecnoloxías 3D, o desenvolvemento de dispositivos biomédicos personalizados atópase en clara expansión e requírense biomateriales máis eficientes que impliquen solucións menos invasivas e o consumo de menos recursos.
O obxectivo xeral do proxecto é o deseño e fabricación por impresión 3D dun dispositivo biomédico quentable en forma de férula dental, baseado na incorporación de óxido de grafeno nunha matriz polimérica de ácido poliláctico e a irradiación con láser VIS-NIR, para inducir unha hipertemia leve (≤42ºC) sobre o tecido xinxival, logrando un efecto antibacteriano.
O proxecto presentado alíñase coas áreas tecnolóxicas e liñas prioritarias da axenda científica de CINTECX, en concreto no ámbito do RIS3 de Galicia centrado no Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo da poboación.
A presente proposta integra a tres grupos de investigación de CINTECX:
- Grupo Novos Materiais (FA3)
- Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE)
- Grupo de Diseño e Simulación Numérica en Enxeñería Mecánica (DSN)
En xaneiro de 2023, como resultado da investigación deste proxecto, publícase o artigo “Thermal Behavior of Graphene Oxide Deposited on 3D-Printed Polylactic Acid for Photothermal Therapy: An Experimental–Numerical Analysis”, no que se avalía o comportamento térmico do óxido de grafeno (GO) cando se deposita sobre ácido poliláctico (PLA) impreso en 3D, co fin de desenvolver un dispositivo médico para aplicacións de terapia fototérmica. Os resultados obtidos neste traballo amosan que o uso de GO, recuberto en PLA impreso en 3D, é un método válido para aplicacións de terapia fototérmica NIR.
NOVAS
O pasado 14 de setembro Irene Fernández defendeu o seu TFG no Grao de Enxeñería Biomédica. Este traballo foi co-dirixido por Christian Gil e Jesús Vence do Grupo GTE. |
Laura González e Sara Pérez, do Grupo Novos Materiais, asistiron ó XVI Congreso Nacional de Materiales, CNMAT 2022, en Ciudad Real, do 28 Xuño ó 1 Xullo 2022. Alí presentaron os primeiros resultados do proxecto. |
Tras unha estancia de 3 meses no Biofilm Research Group do Centre of Biological Engineeering da Universidade do Minho (abril-xuño 2022), a investigadora Laura González, do Grupo Novos Materiais, puido complementar a súa tesis con interesantes resultados sobre o comportamento antibacteriano da hipertermia xenerada mediante a irradiación láser de dispositivos a base de óxido de grafeno. |