DUVI 21/05/2024
Os centros de investigación da Universidade de Vigo Cintecx (Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxías e Procesos Industriais), atlanTTic (Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) e CIM (Centro de Investigación Mariña) participan desde hoxe e ata o vindeiro xoves na Feira Internacional da Industria Naval, Navalia 2024, que se celebra desde este martes ata o xoves no Instituto Feiral de Vigo. A feira foi inaugurada esta mañá polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen estivo acompañado, entre outras moitas autoridades, polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente e director da feira, José García Costas.
Acompañados pola Oficina de I+D, os tres centros de investigación da Universidade de Vigo amosan neste posto informativo o coñecemento e innovación que a institución académica viguesa achega en diferentes ámbitos vinculados á industria naval, actuando como posible aliada para as empresas deste sector.
I+D de vangarda en IA, biotecnoloxía azul, renovables mariñas…
No posto da UVigo amósase o potencial de Cintecx como socio tecnolóxico especialista en trasladar o coñecemento ao sector produtivo en liñas como as enerxías renovables mariñas, eficiencia enerxética, aproveitamento de recursos naturais, desenvolvemento de novos materiais e combustibles, tecnoloxías de propulsión limpas e intelixencia artificial. Pola súa banda, CIM ofrece investigación de vangarda respecto da xestión sostible de recursos mariños, biotecnoloxía azul, enxeñería de costas, restauración ambiental, simulación de fluídos ou modelización de enerxías de orixe mariña. No caso de atlanTTic destaca como centro de referencia na I+D en telecomunicacións e servizos dixitais dando resposta aos retos do sector en materia de dixitalización, conectividade e ciberseguridade facendo uso de tecnoloxías como IA, Big Data, Edge, 5G & 6G, IoT ou cuántica.