Contribuír, nun escenario de cambio climático global, á prevención dos grandes incendios forestais e á xestión dos espazos susceptibles de sufrilos en diferentes áreas rurais ao longo da fronteira entre España e Portugal. Ese é obxectivo central de Firepoctep, un proxecto seleccionado na convocatoria Interreg V A España-Portugal e coordinado pola Junta de Andalucía, no que participan 21 institucións de España e Portugal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo. Cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder, o proxecto que este xoves desenvolvía en Sevilla a súa reunión de lanzamento engloba iniciativas como a identificación de “zonas estratéxicas de xestión” en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira, nas que as actuacións preventivas poidan diminuír os efectos e intensidade dos lumes. Dirixido, como salientou a Junta a sumar esforzos e “unificar criterios de actuación conxunta” en “dous dos países máis vulnerables ao cambio climático da Unión Europea”, buscará así mesmo promover o intercambio de innovacións e boas prácticas en materia de loita contra incendios, desenvolver experiencias que contribúan a fomentar a creación de emprego no rural e o impulso da economía verde e impulsar un plan de formación e sensibilización da cidadanía
“É a primeira vez que se trata de levar a cabo unha experiencia coordinada ao longo de toda a raia”, salienta o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, que coordina a participación da Universidade nun proxecto que reúne 16 socios españoles e seis portugueses. Picos, que participaba nesta xornada na presentación de Firepoctep, salienta que o proxecto permitirá colaborar “con organizacións con moita experiencia neste campo”, á vez que contribuirá “a reforzar lazos entre equipos da propia Universidade”. De feito, a UVigo, que conta cun orzamento de preto de 420.000 euros no marco deste proxecto, está representada por investigadores e investigadoras da EE Forestal pontevedresa, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial do campus vigués e da Facultade de Educación e Traballo Social e as escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e de Enxeñaría Informática do campus de Ourense.